terça-feira, novembro 07, 2017

Qadriños: A volta de Norberto Fernández

Unha das sorpresas agradables que nos deixou o pasado verán foi o retorno de Norberto Fernández, a quen perdéramos a pista tras os seus traballos para o mercado norteamericano hai aproximadamente catro anos. Un cómic asinado por el, O báculo de Daghdha, foi distribuído no mes de xullo de forma gratuíta por varios xornais do País, tanto en papel coma en formato dixital, con versións en galego e portugués. Trátase dun título promovido polo Eixo Atlántico cando se cumpren 25 anos da súa constitución, un deses traballos por encomenda financiados por institucións públicas ou semipúblicas que teñen un aquel estraño, xa que non se sabe moi ben cal é o razoamento que está detrás da súa promoción nin o rendemento que se lles presume, pero que nos máis dos casos son un agasallo para os autores que os levan a cabo, e non só por seren un balón de osíxeno económico, senón tamén por contaren cunha distribución que dificilmente pode acadarse no circuíto convencional do cómic. 

O báculo de Daghdha relata unha aventura da profesora universitaria Flavia Faulkner, que se verá obrigada a percorrer algunhas das vilas e cidades máis senlleiras do Eixo Atlántico, que forman parte tamén da ruta portuguesa do Camiño de Santiago, na procura dun trebello dotado de facultades extraordinarias, o báculo da divindade irlandesa Daghdha. Na súa busca ela e máis os seus compañeiros deberán recuperar diferentes pezas dun crebacabezas agochadas en lugares coma a Catedral de Coimbra, a Igrexa do Bom Jesús en Matosinhos, o Templo de Santa Luzia en Viana do Castelo, o Mosteiro de San Vicente do Pino en Monforte de Lemos ou a propia Catedral de Santiago, mentres se  enfrontan a unha sociedade secreta que tamén persegue o instrumento polos seus poderes máxicos. Arredor do periplo dos protagonistas polas principais vilas galegas e do Norte de Portugal constrúe Fernández unha aventura xuvenil na que, ademais das consabidas sorpresas e xiros de guión, non faltan chiscadas ao lector en forma de aparicións fugaces de personaxes famosos. 

Nunha das primeiras páxinas do álbum Fernández deixa ver un exemplar de A marca marela, o que probablemente sexa o álbum máis célebre de As aventuras de Blake e Mortimer de E. P. Jacobs, unha pista que deixa clara o propósito do autor de situarse na tradición aventureira xuvenil da BD franco-belga. O rexistro formal adoptado por Fernández, que sen renunciar ao seu propio estilo abala decididamente cara a liña clara, e o propio formato da obra, un álbum ao xeito do mercado francófono, confirman esta declaración de intencións. Non deixa de ser rechamante esta opción, que noutro tempo encarnaría o formato máis típico do cómic xuvenil, pero que na actualidade semella xa anticuado. No caso galego, os primeiros 90 sinalaron o derradeiro grande auxe da BD francófona, aparecendo en galego cabeceiras coma Bieito Fendeferro, Xil Pupila, Franka, Os Centauriños ou mesmo Jerome K. Jerome Bloch, que viñan a sumarse aos dous clásicos por excelencia, Asterix e Tintin. Mais foi o canto do cisne, dende a caída daquelas liñas editoriais os proxectos semellantes non pasaron do anecdótico, abalando os intentos posteriores de ofrecer banda deseñada xuvenil en galego cara revistas como Golfiño, Galimatías ou máis recentemente Xabarín. De aí que resulte difícil sabermos se o autor se incorpora de novo a esta corrente cun sentido nostálxico, se se trata de tentear as posibilidades actuais dun produto destas características ou se simplemente, polo motivo que fose, o quixo así o promotor da iniciativa. 

O báculo de Daghdha deixa claro que a versatilidade é unha das grandes virtudes do seu autor, que se amosa aquí capaz de achegarse á liña clara europea igual que adoptou un rexistro gráfico máis próximo ao cómic norteamericano cando traballou para aquel mercado. O clasicismo da súa proposta faina idónea para os nenos e nenas daqueles anos 90 nos que a BD franco-belga tiña un pequeno oco no noso mercado, pero resulta dubidoso que o sexa tamén para a rapazada que hoxe devora ficcións vertixinosas como Rick e Morty, Hora de Aventuras ou Steven Universe. Mais se hai algo que canga a proposta é unha presentación case publicitaria do patrimonio monumental das vilas do Eixo Atlántico que entorpece o decorrer dun relato que podería ter respirado de xeito máis natural sen esa peaxe. Unha mágoa, xa que a suma do elenco de personaxes deseñados por Fernández cos mesmos escenarios nos que transcorre a acción podería ter desembocado nunha agradable ficción aventureira de non ter que someterse a un desenvolvemento tan ríxido.

sexta-feira, outubro 27, 2017

Elipses e Sombras: Na procura da gran besta

Trackers: A arma perdida dos deuses

Os autores de A mansión dos murmurios regresan cunha ficción histórica repleta de aventura e fantasía.

En 2010 vía a luz a versión en galego de Sara, primeiro volume da triloxía A mansión dos murmurios que David Muñoz e Tirso Cons publicaran orixinalmente na prestixiosa editorial francesa Les Humanoïdes Associés. Malia que os dous volumes posteriores ficarían inéditos entre nós, aquel álbum supuxo unha tímida entrada do moderno mercado francófono no sistema editorial galego despois da aparición, entre os 80 e os primeiros 90, de clásicos coma Asterix, Tintin, Xil Pupila ou Franka. Velaí unha das consecuencias das reducidas dimensións do mercado do cómic en galego: cada obra publicada constitúe un pequeno fito. En A mansión dos murmurios atopabamos unha convincente inxección de terror contemporáneo a cargo dunha parella de autores, o escritor madrileño David Muñoz e o debuxante pontevedrés Tirso Cons, que procuraban unha saída profesional no mercado máis potente de Europa. Ambos viron cumprido o seu obxectivo e dende entón veñen publicando con regularidade en Francia e tamén en España, onde van chegando as traducións dos seus traballos.

A traxectoria de David Muñoz confírmao coma un escritor versátil que ten transitado entre a memoria persoal (Miedo), a ficción histórica (Sordo) e a revisión lúdica de xéneros populares coma a ciencia ficción ou os superheroes (Residuos, Rayos y centellas). Os seus traballos para o mercado francófono, coma o mencionado A mansión dos murmurios ou Tierra de vampiros, revelan unha vontade de espremer as convencións de xénero sen chegar a sobordalas. Nesa mesma liña poderiamos situar Trackers, o seu novo proxecto en colaboración con Tirso Cons, un relato canonicamente aventureiro cuxo primeiro álbum, A arma perdida dos deuses, viu a luz o pasado verán. Ambientada no século XVII, esta primeira achega relata a partida dunha expedición británica cara a península do Iucatán na procura dunha criatura lendaria. Muñoz e Cons súmanlle un punto de fuga fantástico a un contexto realista, creando o terreo propicio para ceibar unha pulsión aventureira de corte clásico, con grandes navíos e duelos a espada, romance e unha historia de mocidade e apertura á vida adulta coma pano de fondo. O debuxante pontevedrés, de quen partiu a idea orixinal do relato, demostra a súa idoneidade para o cómic de formato grande, recreando paisaxes da selva virxe americana ou ou ofrecendo espectaculares estampas de navegación, sen descoidar outros aspectos como o caracterización dos personaxes ou a resolución dos lances de acción. Cons é un dos autores máis inxustamente esquecidos da banda deseñada galega. Probablemente por traballar principalmente para o mercado francés, o seu nome non adoita estar entre os que nos veñen á memoria cando pensamos nas principais figuras do cómic galego. Hai algo de reivindicación no feito de ser el mesmo, como membro da editora 3 Pintamonas, quen asume a edición en galego deste traballo. 

É posible que esta primeira entrega de Trackers adoeza dunha certa previsibilidade. O camiño narrativo deseñado polos autores non só se acolle sen apenas desvíos ás estruturas máis freceuntadas por esta caste de relatos, senón que o fai de acordo coas peculiaridades do sistema editorial francés, que reserva o volume inaugural para un primeiro acto que será obxecto de desenvolvemento e conclusión en achegas posteriores. Esa é a aposta de Muñoz e Cons e eses son tamén os seus poderes, a vontade de xogar a un xogo coas normas ben marcadas e ofrecerlle ao lector algo máis que fría profesionalidade. Este primeiro tomo funciona como un engado eficaz, sería unha excelente nova poder ler tamén en galego os vindeiros volumes da serie. 


quinta-feira, setembro 28, 2017

Elipses e Sombras: Trece grolos da nova BD galega

Licor café

Demo Editorial toma o pulso á nova xeración banda deseñada galega cun volume que recompila trece narracións breves doutros tantos creadores.

O primeiro número de BD Banda, fanzine que despois sería revista e na que publicarían autores coma Kiko Da Silva, Miguel Robledo ou, máis adiante, Jacobo Fernández Serrano, apareceu en maio de 2001. Ese mesmo ano vía a luz Mmmh!!, primeira publicación do colectivo Polaqia na que colaboraban creadores coma Alberto Vázquez, David Rubín, Kike Benlloch, Jano e Bernal. Autores coma Manel Cráneo, Emma Ríos ou José Domingo irían achegándose a un ou outro grupo (ou a ambos), antes de consolidárense como figuras imprescindibles do cómic galego (e internacional) actual. De querermos escribir unha Historia urxente da banda deseñada galega poderiamos situar aquel intre, o cambio de século, como o momento no que os artistas que se consolidaron a partir dos anos 80 (os Marín, Prado, Das Pastoras, Jaraba...) cederon a iniciativa á xeración que marcaría o devir do noso cómic dende entón ata hoxe.

Calquera afeccionada do País medianamente atenta ao que se move no medio coñece xa os nomes da xeración de autoras e autores que está pronta para coller o relevo. Levan anos difundindo o seu traballo na rede, promovendo iniciativas, a maior parte deles probaron coa autoedición e algúns teñen xa obra publicada dentro do circuíto editorial tradicional. Non é difícil establecer vínculos entre eles (afinidades estilísticas, influencias compartidas, participación en proxectos comúns), mais é probable que o auténtico factor común a todos eles sexa unha interpretación semellante do presente da BD, unha forma de entender o cómic firmemente contemporánea, inevitablemente vinculada a un cambio tecnolóxico que transforma o xeito de crear, mais tamén de publicar e mesmo de relacionarse co lector e cos demais autores. Licor café (Demo, 2017) permite un primeiro achegamento ao traballo de trece deses creadores.

O volume recolle achegas de tres dos catro promotores de Sacoponcho, un dos fanzines máis significados do panorama galego dos últimos anos. Pouco hai que dicir de Xulia Vicente, que a pesares da súa xuventude conta xa con varias monografías publicadas, traballa como ilustradora literaria e mesmo colaborou coa revista norteamericana Island. No seu relato, o fantástico invade o espazo do cotián, no que constitúe unha constante do seu traballo como autora completa. Luis Yang contén os tempos na mesma medida en que estiliza o seu trazo, situándose no ronsel da nova vangarda que representarían Begoña García-Alén, Andrés Magán ou Cynthia Alfonso. E Uxía Larrosa propón un relato de sabor clásico construído a partir de imaxes que simbolizan máis do que contan. Pola súa banda, Inés Vázquez, que fora alumna do Garaxe Hermético de Pontevedra, amosa na súa peza un estilo caricaturesco cheo de posibilidades, con animais antropomórficos que semellan fuxidos dun pesadelo de Walt Disney. Kike J. Díaz, cuxo Nordés (autoeditado, 2014) resoara hai anos como unha auténtica toma de posición, comparece agora cun estilo máis limpo e definido, un agoiro perfecto para o futuro inmediato. Algo semellante pode dicirse de Paula Esteban, especialmente activa nos últimos meses e cuxa achega demostra unha evolución que resultará evidente para quen seguira a súa actividade fanzineira dende os inicios. Outra coruñesa, Xulia Pisón, presenta o que probablemente sexa o mellor relato da antoloxía, unha historia que toma partido da brevidade imposta polo formato para reimaxinar mitoloxías populares, xogando co tempo, co lugar e tamén co xénero para crebar as expectativas do lector acomodaticio. Se o recente -1 (Alita, 2016) supuxera un importante salto cualitativo na súa traxectoria, este novo estralo de talento confírmaa coma artista con presente máis que coma promesa de futuro. Santiago Paredes e Cristian Fojón mantéñense apegados a cadanseus imaxinarios, o primeiro sen afastarse da tradición underground norteamericana da que tamén participa o seu recente Tattoo (Demo, 2017); o segundo ofrecendo unha nova fotografía desa Galicia rural, salvaxe e irónica que atopamos nos seus traballos precedentes. Debelius, colaborador habitual da revista Altar Mutante e autor do fanzine Gresca, constrúe a súa peza a partir do contraste entre o desenfreado da acción e un debuxo limpo e de contornos ben definidos, mentres a cosmogonía que propón Gaudino semella unha revisión irónica do primeiro Xaquín Marín. Tras un Mateo Alvarellos ríspeto e lacónico, pecha o volume Dani Xove, tan entregado á promiscuidade idiomática coma á reciclaxe de tópicos da ciencia ficción post-apocalíptica.

A suma destas trece voces inevitablemente diversas disparando ideas en cru, sen apenas espazo para facelas medrar, remata por traducirse nunha certa sensación de anarquía. Mais as páxinas de Licor café transmiten tamén unha enerxía ben tanxible, a forza dun grupo de autores que reclama o seu espazo. Deliberadamente ou non, este volume pasa a ser un punto de referencia ao que regresaremos pasados os anos, cando queiramos lembrar de onde veñen os artistas que estarán a marcar o presente (futuro) da banda deseñada galega. 

terça-feira, agosto 29, 2017

Elipses e Sombras: Entre dous mundos

Ether. La muerte de la última Llama Dorada

David Rubín únese ao escritor norteamericano Matt Kindt para producir Ether, un relato que mestura aventura, fantasía e ficción detectivesca. 

David Rubín debutou no mercado norteamericano con El momento de Aurora West (DeBolsillo, 2014), unha miniserie que afondaba no universo creado uns meses antes por Paul Pope en Battling boy (DeBolsillo, 2014). O galego encaixou naquel proxecto cunha naturalidade sorprendente, debida á súa coñecida versatilidade, pero tamén á afinidade entre os proxectos creativos de ambos autores. Despois de ver como dúas obras emblemáticas da súa traxectoria europea, El héroe e Beowulf, eran publicadas en Estados Unidos, Rubín une forzas con outro escritor de carreira consolidada, Matt Kindt, para produciren Ether, unha serie limitada de cinco capítulos que ve a luz baixo o prestixioso selo editorial Dark Horse. Kindt forma parte do cada vez máis nutrido grupo de escritores que xorden da escena independente norteamericana e terminan facéndose un sitio ao abeiro das grandes compañías. No seu caso, despois do éxito de títulos de creación propia como Super Spy ou Sweet Tooth, vén alternando traballos por encomenda para DC ou Valiant Entertainment con outros da súa propiedade coma Ether

Boone Dias, protagonista da serie, é un científico que leva anos explorando a dimensión máxica de Ether. Home de ciencia gastado pola vida, asumirá axiña o rol de detective para investigar o asasinato da derradeira Chama Dourada, a figura protectora do Reino. O que nunha primeira aproximación podería semellar un simple relato fantástico revélase axiña coma un artefacto máis complexo, no que os clixés narrativos se superpoñen e os personaxes acusan un marcado acento referencial. Dias é un heroe crepuscular de estirpe pulp que non só se aferra ao seu raciocinio para resolver o crime, na mellor tradición do xénero detectivesco, senón que cre posible traducir a termos lóxicos os principios máxicos que rexen en Ether. No seu periplo investigador percorrerá distintos lugares do Reino, comezando pola súa luminosa capital Agartha, antítese da cidade escura e inhóspita propia do relato criminal. Ao seu paso atopará fadas, golems e toda caste de criaturas xurdidas de diferentes tradicións fantásticas. Ether achégase ás ficcións de xénero mais faino afastándose de calquera purismo, preferindo a mestura de tópicos con fins lúdicos. O seu propósito semella ser o de atrapar a ollada do lector e ofrecerlle un espectáculo repleto de aventura e imaxinación. 

Esta aposta de Ether pola fascinación visual e o pracer inmediato remata por concederlle grande importancia ao deseño de escenarios e a caracterización de personaxes, unha oportunidade que Rubín non desaproveita. O desenvolvemento gráfico do ourensán remata por ser un dos grandes argumentos a prol do título, e non só pola súa excelente narrativa (poucos debuxantes do mercado norteamericano actual poden presumir dunha posta en páxina tan fluída, persoal e exuberante coma a súa) e a vistosidade dos seus recursos, senón tamén polo delicado equilibrio que acada a súa combinación de elementos realistas, escenarios de fantasía e personaxes caricaturescos. O ton desenfadado da serie permítelle ademais ceibar unha agradecida vis cómica que apenas tivo cabida nos seus traballos máis recentes a excepción da súa adaptación de El retablo de las maravillas

O volume que presenta Astiberri contén os cinco primeiros números da cabeceira. Malia funcionaren coma un correcto relato de presentación, a sensación final é a de que non chegamos máis aló do primeiro acto e todo fica pendente dunha continuación que chegará se a acollida deste primeiro arco argumental é boa. A carreira internacional de Rubín sobe un novo chanzo ao demostrar que é capaz de acadar unha boa sintonía con escritores ben considerados na escena americana e de axeitarse ás esixencias do cómic comercial estadounidense. O seu periplo americano está a confirmalo como un debuxante sen fendas, capaz de asumir con garantías calquera reto que se lle propoña. 


segunda-feira, agosto 21, 2017

“É irónico que tivese que mercar os meus dereitos de autor para editar Trackers en galego”
















Entre as novidades en galego do pasado Festival Viñetas desde o Atlántico da Coruña destaca Trackers. A arma perdida dos deuses, primeiro volume da triloxía producida para o mercado francés polo debuxante pontevedrés Tirso Cons e o escritor David Muñoz. O título sinala ademais o returno de 3pintamonas, o selo editorial que debutara en 2015 con Abastos. Hai uns días Galicia Confidencial publicaba a entrevista que lle fixen a Cons e na que fala do seu novo traballo e tamén da súa traxectoria profesional. Pode lerse aquí.

segunda-feira, agosto 07, 2017

Qadriños: Cómic galego en Viñetas desde o Atlántico 2017














Xa está aquí Viñetas desde o Atlántico 2017, o Festival de Banda Deseñada que se desenvolverá nas súas sedes habituais entre o 7 e o 13 de agosto, e tamén a nova edición do Autobán, evento de autoedición que terá lugar en Nave 1839 e varias tabernas do Soho coruñés entre o 12 e 13 de agosto. Ambos acontecementos estivais veñen a dinamizar o fráxil panorama da BD galega, poñendo no mercado algúns novos títulos nos que cómpre reparar. Sen pretender ser exhaustivo, fixen unha pequena escolma en Qadriños.

sábado, julho 22, 2017

Elipses e Sombras: O peregrino que chegou do frío

Un noruego en el Camino de Santiago

O noruegués Jason aparca a súa peculiar narrativa para ensaiar o xénero autobiográfico cunha crónica da súa experiencia no Camiño de Santiago.

O historietista noruegués Jason, pseudónimo de John Arne Sæterøy, comezou a publicar os seus traballos nos anos 80, pero foi co cambio de século cando adquiriu notoriedade fóra do seu país grazas fundamentalmente a dous títulos: Chhht!, unha obra sen texto, e Espera..., na que a relevancia das palabras era directamente proporcional á súa escaseza. Traballos posteriores recollerían unha maior presenza de texto nas súas páxinas, mais sempre de acordo cun espírito de contención verbal que se ten consolidado como un dos sinais de identidade do que é un dos creadores máis peculiares da BD europea actual. Outro serían os protagonistas das súas obras, tanto os daqueles dous relatos inaugurais coma os posteriores, un reducido elenco de animais antropomórficos de ollada inescrutable e corpo magro, figuras lánguidas e inexpresivas que sempre semellan agocharlle algo ao lector. Título tras título, Jason foi construíndo un mundo autónomo, de formas planas e cores estridentes, no que un estrafalario bestiario de criaturas icónicas (mosqueteiros, científicos, detectives) se consagraban á alegre subversión dos clixés das ficcións de xénero. Mais este universo está en colisión constante coa nosa realidade, non só pola frecuente apelación a referentes reais (de Scott Fitzgerald a Frida Kahlo) senón tamén pola inequívoca humanidade dos sentimentos que os seus relatos poñen en xogo. Velaí a súa peculiar a alquimia, a capacidade para contemplar o mundo dende unha perspectiva oblicua e devolver unha imaxe de nós mesmos estraña pero sospeitosamente familiar.

Compréndese así o interese que de seu ten o seu novo traballo, Un noruego en el Camino de Santiago (Astiberri, 2017), no que o artista noruegués fai unha paréntese nos lugares comúns da súa produción para abordar por vez primeira un relato que é explicitamente autobiográfico. O título resulta abondo descritivo, Jason relata a súa experiencia facendo o Camiño de Santiago dende Saint-Jean-Pied-de-Port (Jason reside actualmente en Montpellier) ata Compostela, seguindo despois ata Fisterra, un reto que o debuxante se impuxo ao facer os 50 anos. Se a súa obra máis recente facía normal o extraordinario, Jason asume agora o reto de construír unha narración a partires de sucesos cotiáns, as petit riens que marcan o día a día no Camiño. Os mosqueteiros que viaxan no tempo e os escritores célebres metidos a atracadores de bancos deixan paso a un debullar de vivencias diarias na ruta cara Compostela: as ampolas nos pés, as conversas cos demais peregrinos, os menús, os albergues... Acompáñao neste descenso á realidade unha retícula fixa de catro cadriños por páxina, un recurso que o debuxante emprega habitualmente pero que neste caso acentúa o monótono decorrer do relato. De aí que resulten especialmente agradecidas as pílulas de ironía con que vai sementando o camiño, pequenas excursións humorísticas que identificamos axiña coma características do autor e que engaden ao relato unha chispa necesaria.

A medida que avanza a narración descubrimos que Jason fixo algúns propósitos ao emprender o Camiño. O seu obxectivo non é só chegar a Santiago senón tamén vencer o seu carácter introvertido, conversar con outros peregrinos, superar as barreiras idiomáticas e as diferenzas persoais e facer da súa angueira unha experiencia compartida. Jason reflexiona sobre a súa personalidade, celebra cada pequena apertura e láiase polas ocasións de socialización que deixa pasar. O noruegués represéntase a si mesmo coa mesma ollada indescifrable que caracteriza aos seus personaxes, mais o que ata aquí interpretabamos coma un recurso estilístico convértese agora nunha confesión acerca do seu propio carácter que deita unha luz interesante sobre o conxunto da súa obra. É posible que a coñecida concisión verbal que caracteriza os seus traballos non responda a unha vocación experimental, nin ao desexo de facilitar a difusión internacional da súa obra, como adoita suxerirse cando os autores proceden da periferia xeográfica ou lingüística. Se cadra esa constante é un reflexo da introversión do autor. Talvez os seus personaxes falan pouco porque el mesmo é así.

É probable que esta compoñente confesional sexa un dos principais argumentos a prol de Un noruego en el Camino de Santiago. A obra ofrécenos ademais aos galegos a oportunidade de recoñecernos na ollada curiosa e desprexuizada de quen apenas sabe nada de nós. No tramo final do libro o autor descobre unha Galicia na que hórreos e parques eólicos forman parte dunha mesma paisaxe. A brétema e a chuvia acompáñano de Compostela a Muxía. Un gracioso cun aerosol converteu Fornos en Pornos. Jason remata a súa viaxe da forma correcta, entrando no mar.

sábado, junho 24, 2017

Elipses e Sombras: Cartografía veneciana

Fóra de mapa

Emilio Fonseca debuta cun equilibrado relato histórico que combina unha intriga criminal cun suxestivo retrato da Venecia renacentista.
Ano tras ano e non sen certa irregularidade, o Premio Castelao de Banda Deseñada que concede a Deputación da Coruña vén contribuíndo a compensar as eivas do sistema editorial galego, facendo posible que vexan a luz títulos que doutro xeito terían moi difícil a súa publicación nun mercado tan exiguo coma o noso. O galardoado este ano foi Emilio Fonseca, autor sen obra publicada ata a data, que en 2013 dirixiu o documental Queimar o monte e do que nos consta que colaborou co proxecto de cooperación Chaco Ra’anga elaborando un cómic, Verde invisible, que está aínda pendente de publicación. Todo por descubrir, xa que logo, para un autor que é novel con máis de corenta anos, algo pouco frecuente nun eido no que a maior parte das voces emerxentes adoitan darse a coñecer sendo bastante máis novas.

Fonseca escolleu para o seu relato un escenario tan pouco casual como a Venecia do século XV, unha das cidades máis fascinantes do planeta contemplada nun momento crucial da Historia de Europa. A Sereníssima era daquela unha Cidade-Estado constituída como República independente, un próspero porto comercial favorecido pola súa privilexiada situación xeográfica no Mediterráneo e tamén un nodo de comunicación por onde chegaba a Occidente moita información acerca dunhas terras orientais que estaban aínda a descubrirse. A ambientación renacentista sitúanos nun contexto de revalorización das Artes e recuperación do Humanismo igualmente presentes na trama, pero tamén nun escenario no que calquera descubrimento xeográfico posuía un alto valor estratéxico, tanto en termos económicos coma políticos. Ningunha destas eleccións é casual. Fonseca dálle ao seu relato forma de thriller histórico, mais faino extraendo do contexto os seus ingredientes principais. Fóra de mapa ábrese cun asasinato, un engado para o lector que dirixe a trama cara os misterios criminais de ambientación histórica, un pau que tornou en subxénero de éxito despois de que Umberto Eco o popularizara co seu O nome da rosa. Porén, non é esta a única carta que Fonseca quere xogar. A súa obra abeira tamén o desexo de transcender as postais venecianas para ofrecer un xenuíno retrato dun tempo no que o mundo era un gran misterio que comezaba a ser desvelado.

Dous aspectos cómpre destacar de Fóra de mapa. Por unha banda, a súa ambición. Fonseca acomete un relato complexo, máis extenso do que adoita ser habitual nos premios Castelao, cun amplo elenco de personaxes protagonistas e que non renuncia a abordar asuntos como o escravismo, a situación dos xudeus, a moral sexual da época ou as tensas relacións entre Oriente e Occidente. Sen caer en alardes eruditos e cunha narrativa tan sobria como funcional, o autor deixa constancia do rigoroso da ambientación histórica, que se presenta mesturada con elementos propios das intrigas criminais en doses axeitadas ata acadar un resultado coherente. Ese sería o segundo aspecto a poñer en valor, o equilibrio final dunha narración consistente e á altura das súas propias ambicións a pesares de que non lle faltan ocasións para esparexerse.
Ademais dun máis que correcto thriller, Fóra de mapa resulta ser un suxestivo relato sobre o coñecemento como forma de poder que contén ademais un atinado retrato dunha sociedade en transición. Emilio Fonseca asina un primeiro traballo que sorprende pola súa consistencia, revelándose coma un autor a seguir no futuro inmediato da banda deseñada galega.



quinta-feira, junho 08, 2017

Qadriños: As orixes da BD galega segundo Xulio Carballo
















Coñecida a excelente saúde creativa do cómic en Galicia, resulta inexplicable que a estas alturas non exista aínda unha Historia da banda deseñada galega que por amplitude de rango e profundidade mereza tal nome. Ten habido intentos loables dende ámbitos diversos, moitos deles atinados e rigorosos, case todos xurdidos do voluntarismo e da paixón polo medio dos seus artífices, pero nos máis dos casos sen a vocación de globalidade que debe presidir calquera Historia que pretenda ser tal. É por iso que cómpre celebrar a aparición no eido da investigación universitaria dun traballo como a tese de doutoramento de Xulio Carballo, presentada no verán do 2015 e que leva por título Para unha Historia da Banda Deseñada Galega: a narración a través da linguaxe gráfico-textual. A investigación de Carballo ocúpase das orixes da banda deseñada galega nos anos 70 do século pasado e, polo tanto, non estamos ante unha Historia de seu, senón máis ben ante un necesario primeiro capítulo, extenso e pormenorizado, que deixa cartografado con todo detalle e rigor científico o período no que o cómic galego xorde como tal. Carballo achégase aos primeiros cómics publicados en galego, facendo unha análise polo miúdo dos seus contidos, analizando os propósitos dos seus creadores e deixando constancia da recepción que se lles deparou no momento.

A tese de Carballo demostra a especificidade do caso galego no que á orixe da súa banda deseñada atinxe. É sabido que o cómic xorde historicamente vinculado ao papel impreso e máis concretamente á prensa escrita. O caso norteamericano, probablemente o máis estudado, sitúa as orixes do cómic nas viñetas e tiras humorísticas que aparecían nos xornais e que despois darían lugar a publicacións específicas. Nos países europeos do noso contorno seguíronse procesos semellantes, sendo a propia influenza norteamericana un factor a ter en conta. Sen embargo, o caso galego presenta un elemento diferencial obvio, o dunha lingua que foi radicalmente excluída da prensa e demais produción impresa durante os primeiros anos do Franquismo, coincidindo co momento no que o cómic estaba a consolidarse en toda Europa como o que sería un dos entretementos de máis populares da parte central do século XX. A finais dos anos 40 comezaron a tolerarse con displicencia as primeiras manifestacións culturais en galego, sempre baixo sospeita e ferreamente vixiadas dende o poder político, e nos anos 50 chegaría o primeiro grande proxecto de  recuperación da lingua galega como vehículo de cultura, construído arredor da editorial Galaxia, centrado na produción literaria prestixiada socialmente e sen tomar en consideración en absoluto un medio popular e de feito limitado ao público infantil como era a banda deseñada naquela altura. Nin sequera a ascendente sobre o galeguismo da época dunha figura coma a de Castelao, que cultivou decididamente eidos artísticos adxacentes ao do cómic, supuxo algún matiz a esta desatención. De aí que, pese a existiren antecedentes, a banda deseñada galega non xurda como tal ata a década dos 70 do pasado século, unha aparición serodia en termos comparativos co noso contorno e que se produce ademais nun contexto político convulso, os últimos anos do Franquismo e a posterior Transición. Un contexto que, lonxe de resultar irrelevante, determinará decisivamente o traballo dos pioneiros do cómic galego.

Carballo recolle e confirma un feito que tiñamos por certo, que a BD galega aparece nos anos 70 froito dunha decisión consciente de dous artistas, Reimundo Patiño e Xaquín Marín, que partillaban unha visión do medio que ía moito máis aló da realidade do seu tempo. Fronte ao acontecido noutros territorios, onde o cómic xorde de xeito espontáneo e se espalla pola súa rendibilidade comercial, configurándose como produto de masas de vocación infantil e sen pretensións artísticas, o cómic é contemplado por Patiño e Marín coma un instrumento privilexiado para a divulgación de mensaxes políticas. 2 Viaxes, o álbum con que ambos inauguraron a banda deseñada galega, sorprende hoxe pola sofisticación da súa proposta estética e tamén pola contundencia da súa mensaxe política, mais é a súa vocación popular, o feito de non estar dirixido a unhas elites lectoras senón ao conxunto da sociedade, o elemento que ao meu entender dota a súa proposta dunha peculiaridade maior. Fronte a introdución de ingredientes políticos no cómic como forma de reivindicación do carácter adulto do medio ou do seu valor cultural, Patiño e Marín aceptan a condición do cómic como entretemento de masas, ao tempo que se propoñen utilizar a súa popularidade como instrumento de concienciación social. A súa é unha concepción sorprendentemente avanzada, moi mediatizada polo contexto social e que, segundo demostra Carballo, ten en Patiño ao seu ideólogo principal.

Algo moi semellante pode dicirse do labor desenvolvido polo denominado Grupo do Castro (Xosé e Rosendo Díaz, Luís Esperante e Chichi Campos), que concibiron a seminal A Cova das Choias coma propaganda libertaria que tentaron difundir por todas as vías que tiveron ao seu dispor. Un dos méritos do labor investigador de Carballo é o de ter rexistrado as distintas exposicións de cómic galego que tiveron lugar nestes anos, tanto dos traballos do Grupo do Castro coma de obras de Patiño, Marín ou Pepe Barro entre outros, así como ter recollido os testemuños da súa recepción social e crítica. Un labor esixente que permite constatar que estes pioneiros da BD galega non se quedaban na simple retórica, senón que investiron grandes esforzos en converter o seu traballo nunha forma de intervención social.

O outro grande bloque da investigación de Carballo céntrase na paulatina incorporación do cómic galego á prensa periódica, establecendo unha cronoloxía que inclúe os principais xornais do País aos que engade cabeceiras como Teima e suplementos como Axóuxere e Vagalume, ao tempo que incorpora o labor de nomes esenciais das viñetas galegas como o propio Marín, Pepe Carreiro, ou Xosé Lois González Carrabouxo, pero tamén recuperando autores caídos no esquecemento, coma Alberte Permuy ou V. Veiga. Unha das descubertas máis sorprendentes para quen escribe estas liñas foi Comandante Iago, serial de ficción científica que Ulises L. Sarry desenvolvería para Axóuxere, suplemento infantil do xornal La Región que dirixiu Paco Martín, un título lamentablemente inconcluso que transparenta unha forte influenza da BD europea do momento (dende Valérian ata Barbarella), tanto polo debuxo de estilo realista como pola súa temática e desenvolvemento narrativo. Velaí unha outra virtude deste traballo, que revela a flagrante escaseza de reedicións de títulos esenciais da Historia da BD galega e demostra que a fraxilidade do sistema editorial galego é dobre no que ao cómic atinxe.

O derradeiro fito do período analizado por Carballo é a publicación do fanzine Xofre, que implica non só a entrada en escena dunha nova xeración de autores, con nomes tan salientables coma Miguelanxo Prado, Xan López Domínguez ou Fran Jaraba, senón tamén a irrupción dunha sensibilidade nova, que se afasta do imaxinario que ata ese intre se impuxera no cómic galego ao tempo que se achega a outras correntes creativas do seu tempo, procedentes fundamentalmente do cómic español e tamén do europeo. A crítica próxima ao galeguismo e ao nacionalismo, absolutamente identificadas coa liña dominante no cómic galego ata ese intre, recolleron este pulo renovador con frialdade cando non con hostilidade aberta. Este rexeitamento, difícil de entender dende parámetros actuais, confirma a idea de Xofre como produto singular que sinala o final dunha etapa e anuncia a seguinte. O proxecto esgotouse no seu único número pero foi un referente ineludible para a xeración que comezou a promover fanzines nos primeiros 80, e que terían en Prado, Jaraba e López Domínguez, reconvertidos xa en profesionais do cómic e a ilustración, un espello onde mirarse.

Estamos, xa que logo, perante un texto esencial para comprender as orixes da banda deseñada galega que ademais deixa o terreo preparado tanto para unha continuación cronolóxica como para quen queira tirar dalgúns dos moitos fíos que a investigación deixa abertos. A súa próxima publicación en forma de ensaio resulta fundamental para comezar a divulgar o coñecemento sobre unha peza esencial da cultura galega contemporánea.

quarta-feira, maio 24, 2017

Elipses e Sombras: Imaxes do abismo

Fragmentos seleccionados

O vigués Andrés Magán ofrece a mellor versión das súas claves creativas nun traballo repleto de imaxes perturbadoras.
 
A chamada “novela gráfica”, a corrente que vén marcando o devir da banda deseñada dende o cambio de século, xurdiu en boa medida da vontade de superar os formatos estandarizados e da demanda de que fosen as necesidades do relato as que determinasen as características materiais da obra e non ao contrario. Se cadra por iso, polo desexo de deixar fluír as historias sen someterse a restricións editoriais, a maioría dos traballos nacidos baixo esta etiqueta optan por expandir a narración mais sempre dentro do marco da literalidade, é dicir, da correspondencia entre o que se amosa e o que se quere contar. Isto contrasta co movemento que vén tomando forma dentro do cómic nos últimos anos, xurdido ao abeiro dos eventos de fanzines e autoedición pero cuxos protagonistas veñen acadando unha presenza cada vez maior no circuíto de edición comercial. Malia responderen a claves creativas diversas, os cómics creados por estes autores teñen en común unha reformulación dos procedementos narrativos que adoita traducirse nun arredamento deliberado das convencións máis firmemente asentadas. Os cómics de Begoña García-Alén, Conxita Herrero ou Cynthia Alfonso, por mencionar a algunhas das autoras máis relevantes desta tendencia, contan historias, mais fano desviándose da literalidade narrativa e, polo tanto, afastándose do centro de gravidade do cómic actual.
 
Un exemplo notable deste xeito de concibir o cómic é Fragmentos seleccionados, o novo traballo de Andrés Magán. Nel, o debuxante vigués presenta unha decena de historias que se erguen sobre unha sofisticada aposta estética na que a procura da expresividade vén sempre da man da reformulación das convencións narrativas. As primeiras páxinas do volume, nas que as imaxes se suceden sen coherencia narrativa aparente, ofrecen o que probablemente sexa o exemplo máis contundente deste propósito. Dende o primeiro momento, o lector queda advertido de que as vellas estruturas non rexen, de que a propia natureza narrativa da obra está en dúbida e de que, para aventurarse e seguir coa lectura, cómpre desprenderse do código interpretativo tradicional e tolerar un certo grao de incerteza.
 
Iso non significa que os relatos que compoñen Fragmentos seleccionados carezan de sentido. Ao contrario, cada unha das historias que integran o volume conduce a unha pequena epifanía, un momento de intensidade emocional que contrasta coa aparente frialdade das formas. A literalidade do narrado non abonda para chegar á verdade que acubilla cada relato, é a proposta estética, unha proposta que se afasta deliberadamente da representación realista, a que sinala o camiño. Magán deforma as figuras humanas, representándoas baixo formas hipersimplificadas, sen rostro ou como sombras. As repeticións, as simetrías, o xogo con formas xeométricas e os silencios prolongados, así como unhas cores estridentes e antinaturais, son recursos que o autor emprega para provocar no lector as sensacións que lle permitirán superar a opacidade da trama e intuír unha comprensión profunda do relato. A escaseza de texto resulta enganosa porque o que hai que ler son unhas imaxes de significado non convencional. Imaxes perturbadoras que describen feitos incomprensibles pero retratan con singular fidelidade sentimentos que si resultan facilmente identificables.
 
Andrés Magán presenta a versión máis complexa e sofisticada dunha poética visual que foi construíndo sen apenas desvíos en títulos anteriores. Fragmentos seleccionados é unha obra esixente, pero que ofrecerá tamén a súa recompensa a aqueles lectores que sexan capaces de deixarse levar pola súa estarrecedora iconografía.

quinta-feira, maio 04, 2017

Elipses e Sombras: O corpo como paisaxe de batalla

De tripas y corazón
 
Remi Zaarour “Pozla” dá testemuño da súa loita contra a Enfermidade de Crohn cun relato repleto de forza expresiva.
 
É difícil achegarse a De tripas y corazón (Dibbuks, 2017), do historietista francés Pozla (Rémi Zaarour) sen evocar dous clásicos contemporáneos da BD europea: un é L’ascension du haut mal (Epiléptico, sins entido, 2009), o hipnótico relato do debuxante francés David B. dunha infancia e mocidade marcadas pola convivencia cun irmán enfermo de epilepsia; o outro é Pilules bleues (Píldoras azules, Astiberri, 2015), no que o suízo Frederik Peeters debullaba os pormenores da súa convivencia coa súa parella enferma de VIH. Coas súas moitas diferenzas, ambos títulos contiñan un achegamento en primeira persoa á experiencia da enfermidade e xogaron un papel fundamental na evolución da banda deseñada europea no cambio de século, achegando o medio a novos temas e formatos, dirixíndose a un novo perfil de lector e demandando tamén un novo xeito de recepción crítica. Asociando autobiografía e enfermidade, David B. e Peeters abriron un camiño que comezou a ser transitado dende aquel momento con certa asiduidade e sorte desigual por outros autores. De aí que o maior desafío que hoxe deben afrontar os novos títulos que veñen a sumarse a esta tendencia sexa o de evitar caer en fórmulas e atopar unha razón de ser alén da súa dimensión estritamente divulgativa. 
 
De tripas y corazón, tradución libérrima de Carnet de santé foireuse, ábrese cunha breve ollada á infancia do autor, na que comezan a manifestarse as primeiras disfuncións do aparato dixestivo. A partires de aí, Pozla debulla un desesperante periplo vital marcado polo avance da enfermidade, con síntomas que mudan e se agravan, episodios críticos e visitas a médicos que encadean tratamentos erráticos ata que se identifica a súa doenza como a Enfermidade de Crohn. Lonxe de ser unha liberación, o diagnóstico é recibido como a confirmación dos peores presaxios. O terror innominado resulta ter un nome non menos terrorífico. Chega a cirurxía, os longos períodos de hospitalización, a posta en marcha dun intestino ao que se lle seccionaron 80 cm. A narración segue o itinerario previsible dos relatos hospitalarios, con avances e retrocesos que semellan inacabables. Mais nada indica que a procura de orixinalidade argumental estivese entre as preocupacións do autor.
 
O cómic de Pozla é ante todo unha odisea expresiva. Sen renunciar a dar testemuño do que implica padecer o Mal de Crohn, as súas páxinas transparentan o desexo de transmitirlle ao lector un relato fiel da experiencia vivida. É na descrición das sensacións, na reprodución das dores, no relato dos episodios críticos onde o autor inviste todo o seu arsenal expresivo, recorrendo a imaxes metafóricas, deformacións extremas ou mostrando como a dor altera o seu propio trazo. Pozla traza un revelador retrato do ser humano como maquinaria imperfecta, o corpo como “paisaxe de batalla”, en expresión de Lois Pereiro, situando ao lector fronte unha versión extrema de realidades que necesariamente coñece: a enfermidade, a dor. A ironía e un humor amargo funcionan como antídoto contra os excesos dramáticos, alivian a trama e facilitan a complicidade co lector.
 
É dubidoso que este cómic gozara de versión castelá de non ter sido premiado no Festival de Angoulême en 2016. E tería sido unha mágoa. Ademais dun valioso retrato da dignidade do enfermo, De tripas y corazón contén unha fascinante procura de camiños expresivos,  achegándonos por vez primeira a obra dun debuxante de trazo enguedellado, un refinado caricaturista moi próximo á tradición do cómic satírico francófono que demostra ser ademais un narrador de talento. Velaí a utilidade dos premios.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias 2 de maio de 2017]

domingo, abril 30, 2017

Un mes, tres viñetas: Abril 2017

"Xa era hora", Misty Knight por Paul Renaud (Captain America #16)













2 de Abril. W.A.S.P. lives matter. Como nos chistes. Un directivo de Marvel comparece ante os medios e di que trae unha noticia boa e outra mala. A mala, que as vendas da soi dissant Casa das Ideas baixaron nos últimos meses; a boa, que o asunto está en vías de solucionarse porque o culpable está identificado. E quen é?, preguntaría algún dos presentes. Pois os negros, as mulleres e a xente de sexualidade estraña. Volve por outra! Os lectores, segundo este ghicho, van cheos xa de tanta “diversidade” e reclaman volver ao heroe varón norteamericano de raza branca, tan maltratado (risas enlatadas) nos últimos tempos. Maticemos. Quen dixo tal cousa foi un alto executivo do departamento de vendas da compañía e os fundamentalistas da conta de resultados sonvos así, implacables, insensibles e un pouco marulos tamén (algún comercial na sala?), de aí o perigo deixarlles xogar cun micro. O xiro conservador en Marvel é previsible, os universos superheroicos móvense de forma pendular e antes ou despois as cousas volven ao rego. Pero estes xiros copernicanos adoitan deixar un pouso tamén, algo que perdura. Veremos. Entrementres, manteñan os micros lonxe do Departamento de Vendas.

Detalle da cuberta de Gran Bola de Helado de Conxita Herrero











5 de Abril. O de Conxita. Todos vistes xa a Conxita Herrero, non? E aínda que a súa intervención podería matizarse nalgúns aspectos, estaremos de acordo en que na cuestión de fondo está no certo, non? E non vos parece que a eventos que tenden á artrose coma o Saló venlles ben unha chuzada de cando en vez? Pois xa está.

A Marine vénselle as raíces, debuxo de Pia Guerra



















23 de Abril. Pia Guerra. Di o tópico que os totalitarismos son bos para a creación artística, que nada como un bo réxime ditatorial para refinar o talento dos creadores. Trátase dun clixé vantaxista, que eleva a norma casos concretos e obvia a moita morralla que tamén se produce onde hai opresión, mais de pensarmos no caso concreto de Pia Guerra debemos recoñecer que a que fora debuxante de Y o último home está especialmente inspirada dende o  ascenso ao poder de Donald Trump. As sátiras gráficas que vén divulgando polas redes sociais nos últimos meses teñen acadado unha popularidade (viralidade, ya tu sabes) que soborda con moito o círculo de lectores de cómic entre os que era coñecida ata agora. Tal foi o éxito dalgunhas das súas representacións do millonario zoupón que algún emprendedor mesmo aproveitou para lucrarse con elas, comercializándoas como merchandising sen permiso da autora nin moito menos compensación económica. A imaxe que acompaña estas liñas, coa festa da democracia francesa como pretexto e na que apunta con sutileza cara a mala raza da rampante Marine Le Pen, é un dos exemplos máis recentes da agudeza de Guerra. Vamos directos cara unha distopía pero as fábricas da imaxinación funcionan. A destrución do mundo colleranos gozando das marabillas da creatividade humana.

segunda-feira, abril 10, 2017

Cómics Esenciales 2016
















Xa está á venda Cómics Esenciales 2016, un libro que xorde da colaboración entre a revista Jot Down e ACDCómic e no que se recollen cen recensións doutros tantos cómics publicados durante o ano pasado. Completan o libro unha entrevista a Ana Galvañ e Paco Roca e cinco artigos sobre temas que foron actualidade no eido da banda deseñada en 2016. Para min é unha alegría ter podido contribuír a este libro ao carón de voces tan autorizadas na crítica de BD como Elisa McCausland, Henrique Torreiro, Álvaro Pons ou Gerardo Vilches. Máis información, aquí.

domingo, abril 09, 2017

Autobom 2017: É que ninguén pensa nos nenos? Reflexións sobre a liberdade de expresión e a censura

La Clave: Guitián, Leandro e Sekone. Foto de Sara Roca (Nave 1839)

















O pasado 1 de abril celebrouse na Nave 1839 o Autobom, o xemelgo primaveral do Autobán, o evento de autoedición e BD de autor coruñés por excelencia. Aínda que nun formato máis comprimido que o de verán, os organizadores programaron unha intensa xornada de actividades na que, ademais do mercado de fanzines, houbo proxección de curtas, elaboración dun cómic en grupo, concertos ilustrados (Strikeback e Pulpiño Viascón) e unha mesa redonda sobre censura e liberdade de expresión na que participaron Alberto Guitián, Leandro Barea e Sekone e que tiven o pracer de moderar. Mola ver a Nave ateigada de xente con ganas de pasar un bo anaco compartindo actividades creativas. Para min foi estupendo saudar a urbanoscar, insubstituíble na condución do evento, atopar a coñecidos, coñecer a xente, desvirtualizar a algunhas persoas e tamén ser desvirtualizado por outras. 

A mesa redonda viña claramente mediatizada pola actualidade. Se non abondaba co acontecido na cidade dende o Entroido, na semana previa ao acto fíxose pública a investigación xudicial do Concelleiro de Cultura da Coruña pola denuncia da Hydra Suprema das Viúvas de Lugo. Tamén uns días antes coñecemos a condena penal de Cassandra Vera polos chistes de Carrero Blanco. Foi unha sorte poder contar na mesa con Guitián, que explicou diante dunha sala ben concorrida como xurdiu a encomenda dos carteis de Entroido, cales foron as súas ideas no proceso creativo e como viviu a polémica posterior. Leandro falou dos límites implícitos e explícitos que atopou nos anos que traballou como humorista gráfico para La Voz de Galicia: prohibido facer moca do Rei (emérito), prohibido representar a musulmáns, prohibido usar a palabra "cacharro" na edición luguesa... Pola súa banda, Sekone falou das súas experiencias en eidos tan diversos como o deseño gráfico aplicado á moda, o grafitti, os murais ou mesmo os obradoiros impartidos en centros de ensino. A parola entre eles foi moi fluída, en gran parte por manteren puntos de vista moi semellantes.

A cousa cambiou cando se lle cedeu a palabra ao público e Luis Sendón pediu a opinión dos convidados sobre o caso Cremades. Estes mantiveron de novo posturas moi semellantes, contrarias á suspensión do espectáculo aínda que favorables a outras formas de crítica. Entre o público había voces disonantes, mulleres que participaran na campaña contra o youtuber e outras que, con diferentes matices, expresaron a súa indignación por que unha programación sostida en parte con cartos públicos acollese o espectáculo dun machirulo rancio que banaliza a violencia contra as mulleres nos seus vídeos. Mesmo tomou a palabra un membro do equipo de goberno local que defendeu a súa propia posición (favorable á suspensión) perante o caso. Tamén dende o público chegaron outras voces máis matizadas. Foron uns momentos de debate acalorado, con moitas mans pedindo a palabra e xente erguendo a voz por non poder estar calados. Coido que ningún deles quedou sen expoñer a súa postura, grazas tamén á xenerosidade da organización, que permitiu que o debate se prolongase máis aló do horario previsto inicialmente. Aínda que a situación se volveu máis difícil de manexar, agradecín a viveza deste tramo final da mesa redonda. Houbo debate real, a xente estaba enchufada e as ideas voaron pola sala coma shurikens. É posible que ningún dos intervintes mudase a súa postura pero coido que a discusión valeu para que quedaran demostrados tanto o interese como a complexidade do tema, así coma a variedade de argumentos que se poden achegar. Non se lle pode pedir moito máis a unha mesa redonda.

segunda-feira, abril 03, 2017

Elipses e Sombras: A revolta dos animais

Mirror: The mountain

O novo traballo de Emma Ríos mestura ciencia ficción e fantasía sustentándose na engaiolante proposta visual de Hwei Lin. 

Emma Ríos irrompeu na escena galega da banda deseñada con A prueba de balas, unha caste de Hong-Kong-movie en viñetas que apareceu en 2001 en forma de fanzine e continuou en 2003 como volume autoeditado baixo o selo de Polaqia. Malia o seu comprensible amateurismo, aquelas páxinas revelaban xa a unha debuxante cargada de futuro, mais tamén a unha singular narradora que despregaba sen complexos o seu potente cargamento referencial. A reaparición de Ríos en 2009 e o seu posterior ascenso na industria norteamericana do cómic confirmouna inicialmente como debuxante, por máis que saibamos que a súa participación en títulos como Bella Muerte, escrito por Kelly Sue DeConnick, foi máis aló do estritamente artístico. Ríos non recuperaría a condición de autora completa ata I.D. (Astiberri, 2016), un relato sobre identidades en conflito que viu a luz no seo da revista Island, que ela mesma dirixiu co historietista norteamericano Brandon Graham. Simultaneamente, a autora galega lanzaría Mirror, unha miniserie de fantasía desenvolvida en colaboración con Hwei Lin, unha artista malaia que coñeceu en 2008 con ocasión dun programa de intercambio cultural entre Europa e Asia.

Ambientada nun asteroide artificialmente adaptado para acoller vida humana, Mirror relata a difícil convivencia entre as dúas especies que a habitan, unha estirpe de criaturas híbridas (metade humanas, metade animais) e a colonia de magos científicos as crearon. O desexo dos primeiros de emancipárense da tutela humana e seren recoñecidos como suxeitos plenos levará a unha confrontación inevitable. Ríos e Lin sitúanse no ronsel de clásicos literarios como A illa do Doutor Moreau para reflexionar sobre os límites da humanidade, sobre aquilo que nos converte en humanos e tamén sobre o que pode unir (ou separar) a aqueles que non son exactamente iguais. A identidade, que xa centraba o relato precedente de Ríos, I.D., está tamén na cerna desta historia na que se adiviña ademais unha mensaxe sutilmente ecoloxista. 

Mirror é un traballo ambicioso, construído a partir dunha estrutura complexa e cun ton cambiante. Ríos desbota o camiño fácil e asume riscos cunha historia que se desenvolve en liñas temporais distintas narradas en paralelo, de xeito que o lector coñece a progresión do conflito ao mesmo tempo que descobre as súas orixes. Non sempre consegue estar á altura das súas pretensións, habendo momentos nos que os saltos temporais e as disquisicións dos personaxes conducen a unha certa confusión. Mais as autoras non renuncian a explotar tamén o sentido de marabilla, situando o lector diante de paisaxes exuberantes, arquitecturas requintadas e personaxes visualmente fascinantes. Non se debe desprezar o pracer que pode proporcionar unha estética engaiolante, menos tratándose dun relato fantástico, e nese eido Lin revélase coma unha eficaz aliada para escrita de Ríos. As súas acuarelas aportan a dose necesaria de poesía, tinxindo o relato dun ritmo pausado e un aquel melancólico. A súa narrativa é imaxinativa e audaz, destacando tamén a forza icónica das súas portadas. Se o volume norteamericano que recompila o primeiro arco argumental da cabeceira ten algunha eiva é a de relegar ás últimas páxinas as cubertas dos cinco primeiros números da cabeceira, unha cadea de imaxes que dan testemuño da beleza formal e forza expresiva que pode acadar a debuxante malaia.

Esta primeira achega de Mirror deixa un escenario e un elenco de personaxes cheos de posibilidades que as autoras acaban de retomar. Hai poucas semanas aparecía en Estados Unidos o primeiro capítulo do segundo volume. A edición española deste primeiro volume chegará da man de Astiberri no segundo semestre do ano.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 29 de marzo de 2017]

sexta-feira, março 31, 2017

Un mes, tres viñetas: Marzo 2017

Imaxe de David Rubín para Ether (reproducida aquí con fins informativos)















16 de Marzo. Un pirata candoroso. En Twitter, un lector gababa onte Ether, o novo traballo de David Rubín en colaboración con Matt Kindt, e convidaba ao debuxante ourensán a visitar a páxina dende a que difundía o propio cómic traducido ao castelán por el mesmo. O caso deste candoroso pirata, tan orgulloso coma inconsciente do seu delito, ilustra claramente ata que punto a combinación da ignorancia en materia de dereitos de autor coa xeneralización de Internet e as redes sociais conduce a resultados explosivos. O catálogo de excusas do que estes garduños botan man cando son cachados ten xa os seus clásicos, sendo "yo no me lucro" e "si lo pones en Internet deja de pertenecerte" as máis populares. Por iso, dado que hoxe os rapaces acceden á cultura case exclusivamente a través da Rede, non estaría de máis que a educación que reciben incluíse tamén unha formación elemental en materia de dereitos de autor, para que quen rouba saiba que está roubando e para que piratas como o que se dirixía a Rubín buscando a súa aprobación se poñan un anteface de apandador en lugar dunha diana na cachola.

Fragmento da cuberta do Island #15 por Dilraj Mann



















20 de Marzo. Un mondo difficile. Clara Mae: "If the artist is black my reservations are lessened, but if the artist is Asian, I do have questions about what he’s trying to say by using this particular skin tone coupled with drawing the lips that way". Melissa Brinks: "Despite my initial positive response to the colors, as I look more at the image, those stark contrasts I like so much feel like othering rather than a celebration of color. (...) this cover seems to scream that nobody considered the implications of this art style at all or found the style to be more important than the message it sent. (...) nobody thought to question if this was appropriate?". Claire Napier: "This piece uses (...) motifs special to racialised humiliation, which have been used directly in the belittlement of black people in the eyes of their peers, for the profit of people who are not black". J.A. Micheline: "The argument, maybe, is that this is meant to make the politically undesirable into something desirable, that it is subversive. But I’m looking at it and feeling laughed at–almost independent of the creator’s intent. It’s not that I feel specifically that he is laughing at me, so much as I feel that the world has laughed at me for these things for so long that I simply do not trust that he isn’t laughing.(...) Black women are punished for these things so I don’t know what it means to take them in an image and have an audience assume that you mean well. (...) I’m angry that this non-black person feels that they have the right to wield this. (...) What makes you think you can play with this?". Ardo Omer: "Everything about this is deliberate, and it’s in the details. (...) It’s not a knowing smirk or a powerful straight mouth filled with conviction. It instead feels like she’s moronic with the upturned exaggerated lip. Disclaimer: I’m a black woman, and I feel like I’m the joke". Stepahnie Tram: "The raised fist indicates black power and resistance, but that message is undermined when combined with the blackface-esque coloring". Imaxe completa aquí. Artigo completo aquí. Vostedes mesmos.

Para isto fixemos unha guerra?
















23 de Marzo. Unha relación tóxica. Hai xa un tempo que non hai Saló sen polémica. Este ano os fanzineiros andan rebotados porque Ficomic situou a chamada Zona de Fanzines e o Artist Alley nun pavillón afastado do miolo do festival. Con independencia dos reproches que se poidan facer as partes, todo parece indicar que a do Saló e os fanzineiros é iso que hoxe se chama unha relación tóxica. Simplemente non pode funcionar porque cada vez teñen menos cousas en común. O Saló leva anos escorado cara unha desprexuizada visión comercial que integra mundos alleos ao cómic coa mesma alegría coa que ignora fenómenos xenuinamente historietísticos de perfil máis discreto. Pola súa banda, a chamada autoedición atravesa unha época dourada, con eventos a rebulir en todo o Estado e unha xeración de autores que non é xa canteira doutra cousa senón expoñente dunha forma particular de concibir o cómic. É comprensible que uns e outros queiran quedar como amigos pero están nunha fase na que só poden facerse dano. Este ano, mentres os fanzineiros reciben aos seus incondicionais no quinto carallo, Florencia Sofen (?), que de maior quería ser Supergirl (??), paseará polas zonas perito do Saló rodeada de avións, Stormtroopers e personaxes de Nintendo. En vinganza, os fanzineiros non a convidarán ao Graf, nin ao Tenderete, nin ao Autoban, nin ao Fun, Fun, Fun. Unha e outros pertencen a planetas distintos e ningún deles é Krypton.

quarta-feira, março 29, 2017

É que ninguén pensa nos nenos? Reflexións sobre censura e liberdade de expresión

A próxima fin de semana celébrase no espazo Nave 1839 da Coruña a nova edición do Autobom, versión invernal/primaveral do Autoban, minifestival de fanzines, autoedición e BD de autor. Entre as moitas actividades programadas para o sábado 1, día único do Festival, haberá unha mesa redonda ás 18:30 na que se falará de liberdade de expresión e censura, un clásico do bizantinismo dialéctico que nunca pasa de moda no país da Lei Mordaza. A charla terá como título É que ninguén pensa nos nenos? e nela intervirán Alberto Guitián, artista especializado en carteis de Entroido, o humorista gráfico Leandro Barea e o deseñador gráfico e grafiteiro Sekone, cun servidor facendo as veces de moderador. Estades todos cordialmente convidados.

sábado, março 04, 2017

Elispses e Sombras: As cousas máis estrañas

Paper Girls 1-5

A nova proposta de Brian K. Vaughan recupera o espírito do cinema xuvenil dos anos 80.

Entre 2013 e 2015, Brian K. Vaughan autoeditou en formato dixital The Private Eye, un relato de ciencia ficción que calquera lector podía descargar da rede pagando o prezo que considerase xusto ou mesmo de balde. Un dos atractivos desta obra, un dos mellores traballos do escritor norteamericano, era a vistosa representación por parte do debuxante Marcos Martín e a colorista Muntsa Vicente do entorno futurista (ano 2076) no que transcorría a acción. Sen embargo, un xiro argumental habilmente situado na cerna do relato permitía identificar o conxunto da trama como unha elíptica alusión ao noso presente e, máis concretamente, á irremediable transformación que supuxo para as nosas vidas a irrupción de Internet. Paper Girls, a nova serie dun Vaughan de volta ao cómic impreso, inverte este esquema. Enfaticamente ambientada a finais dos anos 80 do pasado século, a serie mira cara o tempo actual a través dun argumento que inclúe viaxes no tempo. Se en The Private Eye un móbil era un obxecto vintage, en Paper Girls un microprocesador Apple é un trebello futurista.

Vaughan é un autor cunha extensa carreira que inclúe traballos para Marvel e DC, series da súa creación para Vertigo ou Image e a participación en proxectos televisivos como Lost ou Under the dome. O éxito de títulos como Y the last man ou Saga confírmano como un dos escritores que mellor interpreta o cómic comercial non superheroico, grazas en boa medida ao seu dominio dos recursos propios das producións seriais. O que levamos visto de Paper Girls non supón unha excepción. As protagonistas, catro adolescentes repartidoras de xornais, asisten a unha serie de acontecementos que transformarán a súa vida nun argumento de ciencia ficción: a aparición de figuras encapuchadas no barrio, o achado dunha máquina futurista no soto dunha vivenda, a desaparición dos habitantes da veciñanza. A partires de aí, o relato discorre con axilidade, ben engraxado por un enxeñoso uso dos diálogos, pola sabia administración de sorpresas argumentais e por un uso intelixente dos finais en suspense.

Paper Girls non semella ter máis pretensións que a de ser un entretemento de calidade para un público maioritario, un produto equiparable á vaga de series de televisión que veñen acaparando a atención dos medios nos últimos tempos. De feito, non resulta difícil atopar coincidencias entre esta cabeceira e Stranger Things, un dos éxitos da campaña televisiva do ano pasado. Ambas producións partillan un espírito de aventura xuvenil tinxido de elementos de ciencia ficción que ten como referentes películas como E.T. (1982), Explorers (1985) ou The Goonies (1985), e representan paradigmaticamente a tendencia actual a recuperar os anos 80 do pasado século como escenario chic para as ficcións de masas. Lonxe de pretender ofrecer un retrato fiel daquela década, os dous produtos restauran un imaxinario cheo de fetiches visuais (bicis BMX, walkie-talkies, posters de películas, camisetas de grupos musicais...) que se lle presentan ao lector como obxectos pracenteiros en si mesmos. Malia a clara explotación deste factor nostálxico, a transparencia argumental da serie faina apta para calquera lector, mesmo para un lector xuvenil incapaz de identificar o collage referencial.

O debuxo Cliff Chiang serve eficazmente á vocación maioritaria do título. As páxinas de Paper Girls revelan a un narrador conciso e hábil na caracterización, de estilo persoal pero facilmente dixerible por calquera lector. As cores de Matt Wilson aportan un chisco de liserxia sen restarlle dozura. Polo de agora, o equipo creativo está sendo quen de manter o interese da serie, mais non é a primeira vez que Vaughan estraga unha boa premisa por prolongala en exceso. O tempo dirá.

sexta-feira, março 03, 2017

Un mes, tres viñetas: Febreiro 2017

Javier Coma en 1996. Foto: Joan Sánchez














14 de Febreiro. Un pioneiro. Nos anos 80 resultaba practicamente imposible atopar artigos sobre banda deseñada en prensa xeral. Dos poucos que aparecían, moitos levaban a sinatura de Javier Coma, cuxo labor durante aqueles anos debeu de parecerse bastante ao dos primeiros cristiáns, espallar unha nova fe entre unha audiencia non excesivamente interesada no tema. Coma posuía dúas armas: un amplo coñecemento do medio e unha prosa hábil e convincente. Tamén tiña os seus defectos. A súa cruzada pola dignificación do cómic levábao a desprezar as súas manifestacións máis populares, negándolle valores ao cómic infantil ou ao tebeo de consumo nas súas diferentes versións.El foi un dos promotores daquel absurdo manifesto contra a exposición "Tintin en Barcelona" en 1984, un episodio dificilmente comprensible hoxe e que debería poñerlle as orellas encarnadas aos Cueto, Torres, Gubern e demais progres de El País que o asinaron. Mais ninguén pode discutir o esforzo de Coma por abordar a banda deseñada cun rigor equiparable ao propio das demais disciplinas artísticas. Vaise un pioneiro pero deixa unha obra que dá testemuño dun tempo no que tomarse o cómic en serio era ir contracorrente.


Os cartaces de Guitián. Que volva Petaco!











17 de Febreiro. Je suis Guitián (et vous êtes ISIS). Mirade, eu comprendo que haxa quen se ofenda polo cartel que fixo Guitián para o Entroido coruñés, cada quen xestiona a súa sensibilidade como pode e, por certo, algúns fano de forma bastante selectiva. Dito iso, hai que ser un badoco ou un oligofrénico para inferir unha vontade explícita de ofender nunha imaxe que ademais de pavera é fiel retrato do que acontece na rúa no tempo de Entroido. De entre os benpensantes que estes días andan a exhibir as súas carnes fendidas pola dor, os meus favoritos son eses que din que no hay huevos de debuxar a Mahoma, un clásico do argumentario casposo. Son eles mesmos os que se sitúan no nivel de tolerancia do terrorismo jihadista pero, iso si, marcándose o detallazo de non pular pola execución dos debuxantes. Xente pía, xente bondadosa.

O debuxo de Farghadani, de esquerda a dereita: un cura, unha monxa, un guardia civil...















18 de Febreiro. A quen queremos parecernos? Ademais de considerar o cartaz de Guitián altamente ofensivo, a Presidenta da Asociación de Viúvas de Lugo opina que nin sequera en Entroido deberían permitirse os disfraces "de cura, de monja, de guardia civil, de policía y de militar". Ademais de co apoio do PP coruñés, a señora debe de contar coa aquiesciencia do Lider Supremo de Irán, baixo cuxo réxime a debuxante Atena Farghadani foi condenada a doce anos e nove meses de prisión por atentar contra a honra das autoridades iranianas... cun debuxo. Cómpre coñecer ben a historia de Farghadani, que foi condenada tamén por relación sexual ilícita ao darlle a man ao seu avogado en público. O libro She changed comics recolle o seu caso e o doutras moitas autoras que abriron camiños novos para a banda deseñada e tamén para as mulleres, e en non poucas ocasións foron denunciadas, perseguidas e sinaladas por inmorais en lugares como India ou Líbano, pero tamén en países bastante menos exóticos como Estados Unidos ou Xapón. Toca escoller afinidades, decidir a quen queremos parecernos. A Presi das Viúvas luguesas e a caterva reaccionaria téñeno claro. E nós?