mércores, xullo 06, 2016

Elipses e Sombras: Sinais de identidade

I.D.

Tras o éxito de Pretty Deadly, o novo traballo de Emma Ríos confirma o desexo da autora de non acomodarse e desenvolver unha carreira de marcado signo autoral no competitivo mercado norteamericano.

O desembarco en Marvel Comics, que moitos debuxantes desta beira do Atlántico observan como obxectivo final da súa carreira, non pareceu ser suficiente para satisfacer as aspiracións creativas de Emma Ríos. Tras apenas tres anos traballando na editora de cómics máis influente do planeta e malia ter acadado encomendas tan notables como a de debuxar a Spiderman, a debuxante galega preferiu abandonar a Casa das Ideas para crear Pretty Deadly, un western fantástico desenvolvido en colaboración coa escritora Kelly Sue DeConnick. Foi unha elección arriscada que se viu recompensada co favor da crítica e un apoio notable entre os lectores, e que probablemente animou á Ríos a afondar na mesma liña. I.D. (Astiberri, 2016), o seu novo traballo, é un relato orixinalmente publicado por entregas en Island, a revista que a debuxante dirixe dende hai apenas un ano xunto ao historietista norteamericano Brandon Graham. Este novo proxecto leva un paso máis aló a autoafirmación de Ríos como creadora, que asume en solitario a autoría do seu novo traballo e se responsabiliza do medio no que aparecerá publicado, liberándose de calquera forma de control editorial.

Ambientada nun contexto sutilmente futurista, I.D. narra a historia de tres personaxes que desexan someterse a unha operación cirúrxica para obter un corpo novo. Non buscan unha mellora estética senón que queren trasladar a súa consciencia a un corpo diferente. Ríos constrúe o relato arredor do diálogo entre os tres personaxes, unha conversa desigual que lle permite ao lector coñecer os motivos de un, deducir os de outro e aventurar os do terceiro. A acción desenvólvese nun contexto convulso, no que as pantallas de televisión devolven imaxes de violencia contra o poder mentres na rúa as protestas cidadás rematan en enfrontamentos directos coa policía. A desconformidade e o desexo de cambio aparecen descritos coma un fenómeno global, que afecta á sociedade na súa relación coas institucións e ao individuo en relación co seu propio corpo. A crise das identidades individuais e o desexo de transformación social serían dúas expresións dun mesmo fenómeno. Sorprendentemente, malia estaren os conflitos de identidade na cerna do relato, estes apenas aparecen formulados de forma explícita, en contraste coa minuciosidade con que se describen os procedementos médicos que posibilitarían un transplante de corpo. O enérxico aparello visual de Ríos transmite máis sensacións que ideas. Deliberadamente?

Co paso dos anos, Ríos foi depurando a súa técnica narrativa ata acadar un xeito de contar persoal e facilmente recoñecible. En I.D. atopamos abundantes marcas de estilo da autora coma os silencios expresivos, a proliferación de pequenos detalles encapsulados ou os planos cenitais. De trazo áxil e aberto, as súas figuras non precisan axeitarse a modelos canónicos de beleza para gozar dunha singular elegancia. É probable que o máis destacado do desenvolvemento gráfico deste novo traballo sexa a elección dun coloreado en gamas de vermello, no que o predominio dos tons rosados adozan o debuxo anguloso de Ríos. O resultado é menos exuberante que Pretty Deadly, máis frío e cerebral porque así o demanda a historia, pero non menos atractivo visualmente.

Entre 2001 e 2011, os integrantes do colectivo Polaqia, ao que Emma Ríos pertencía xunto a autores coma David Rubín, Kike Benlloch, José Domingo ou Manel Cráneo, articularon un proxecto colectivo radicalmente persoal no que a independencia creativa viña da man da autosuficiencia editorial: eles creaban e eles publicaban os seus propios cómics. A traxectoria recente de Ríos demostra que a autora segue a guiarse polos mesmos principios aínda nun mercado tan diferente coma norteamericano. Con I.D., Ríos desenvolve un proxecto á medida dos seus propios intereses, cuestionando os camiños preestablecidos do mercado editorial norteamericano e creando ela mesma os medios que precisa para achegar a súa obra ao lector. Todo un exercicio de personalidade creativa e de confianza en si mesma que cómpre recoñecer.

Ningún comentario: