martes, xaneiro 19, 2016

Elipses e sombras: Dúas olladas sobre Cervantes

Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas

Miguelanxo Prado e David Rubín colaboran nun proxecto divulgativo centrado na figura e obra de Miguel de Cervantes.

Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas preséntase coma o catálogo que acompaña á exposición do mesmo nome, unha iniciativa da Comunidade de Madrid, o Instituto Cervantes e Acción Cultural Española para difundir a figura de Cervantes e a súa obra co gallo do IV Centenario da publicación da segunda parte do Quixote (2015) e do pasamento do seu autor (2016). Trátase realmente dun volume con distribución ordinaria en librarías que contén unha breve biografía ilustrada de Cervantes e unha adaptación ao cómic de El retablo de las maravillas. Os escollidos para levar a cabo estes labores foron dous autores centrais da banda deseñada galega, Miguelanxo Prado e David Rubín, valores seguros do cómic e a ilustración que cumpren con eficacia a tarefa encomendada. 

Non ten sentido descubrir a estas alturas o talento de Miguelanxo Prado, autor recoñecido internacionalmente e cunha traxectoria tan extensa coma prestixiosa. Cómpre lembrar que malia ser esencialmente un autor de cómic, Prado ten tamén unha longa experiencia coma ilustrador, tendo deseñado numerosos carteis e cubertas de libros, ademais de acompañado cos seus debuxos títulos de autores coma Ramón Caride, Agustín Fernández Paz e Manuel Rivas entre outros. Nesta ocasión, ocúpase de ilustrar un breve percorrido polos escasos feitos certos que se coñecen da vida de Cervantes, a súa orixe familiar, os seus parentes e algúns retrincos da súa traxectoria vital. Abonda con contemplar os bosquexos que acompañan este libro ou os moitos que compoñen os dous volumes de Papeles dispersos, título no que recupera debuxos do natural e traballos preliminares, para nos decatar de que a Prado abóndalle con catro riscos para reflectir acenos, ollares e expresións facilmente recoñecibles. As ilustracións deste libro, nas que atopamos un Cervantes imaxinado a partir da súa propia descrición (lembremos que non existen retratos auténticos seus), ofrecen unha nova mostra deste talento. Mais hai xa tempo que Prado labra as súas imaxes en capas sucesivas nas que vai engadindo luz, cor e matices a esa simplicidade orixinal. Limpas e sen apenas fondos, as súas ilustracións neste volume concédenlle todo o protagonismo á figura humana. A falta de texto, os personaxes falan cos ollos (irónicos, coléricos, enfastiados...) e tamén co corpo, cunha teatralidade que nunca chega a ser excesiva.

Pola súa banda, David Rubín leva ao cómic El retablo de las maravillas, “entremés” cervantino publicado por vez primeira en 1615 que parte dun motivo argumental moi semellante ao que posteriormente popularizaría O traxe novo do Emperador de Hans Christian Andersen para ofrecer unha ácida crítica de determinados tipos sociais e costumes do seu tempo. Rubín traduce as pretensións satíricas do texto adoptando un rexistro caricaturesco pouco usual na súa obra, cun deseño de personaxes memorable (recalcados, hiperbólicos), e un desenvolvemento narrativo con abundantes pinchacarneiros visuais. Como vén sendo habitual na súa produción máis recente, Rubín acentúa a visibilidade do aparello narrativo, recorrendo a solucións gráficas ostensibles, mesmo estridentes, mais perfectamente coherentes co espírito algareiro do argumento. As páxinas deste Retablo de las maravillas conforman un quebracabezas extraordinariamente vivaz, unha nova mostra de xenio creativo por parte do seu autor.  

A combinación de biografía e ficción, cómic e relato ilustrado, converte a Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas nun artefacto estraño, difícil de reconducir a unha categoría estandarizada. É posible que ese sexa un dos principais argumentos ao seu favor. O outro, máis obvio aínda, é que ofrece a oportunidade de ler conxuntamente a dúas das figuras máis relevantes da banda deseñada galega, dous autores que adoitamos vincular pero que en poucas ocasións teñen colaborado dunha forma tan directa. A portada deste volume, realizada conxuntamente por ambos, reflicte a disparidade dos seus estilos, a refinada perspicacia de Prado fronte o estoupido de enerxía de Rubín. Diferenzas que, lonxe de facelos incompatibles, constitúen un dos principais incentivos para a lectura do libro.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 18 de xaneiro de 2016]

Ningún comentario: