quinta-feira, dezembro 24, 2015

Lumberjanes: Beware the Kitten Holy

























Lumberjanes, a cabeceira creada por Noelle Stevenson, Grace Ellis e Brooke Allen, é a serie de moda en Estados Unidos. Ao pouco de comezar a súa andaina, o título acadaba xa unhas primeiras críticas positivas que se verían confirmadas en xullo de 2015 ao obter dous premios Eisner (Best New Series e Best Publication for Teens). A proxección das súas autoras viuse multiplicada, mesmo cara fóra do mundo do cómic, e o título está hoxe en boca de todos, é doado atopalo en toda caste de listaxes do mellor do ano e supoño que non ha tardar moito en ser editado en España. Perante todo isto e tras ler Beware the Kitten Holy (Boom!, 2015), primeiro TPB da serie, a pregunta que a un lle xorde é obvia: merece o título tanto rebumbio? Ou dito doutro xeito, hype ou non hype?

O primeiro que cómpre esclarecer é que Lumberjanes é ante todo un cómic de entretemento, un produto directo e accesible que ten coma destinatario natural a un lector novo, preadolescente, por máis que poida ser lido tamén con interese por adultos. O slogan con que se presenta a cabeceira, Friendship to the max!, defíneo correctamente coma un relato de camaradería xuvenil, ao tempo que remite a unha consolidada tradición, a das narrativas protagonizadas por rapaces que viven unha aventura á marxe dos adultos, descubrindo o mundo, aprendendo a tomar decisións e afianzando a súa amizade. Se soa demasiado didáctico é unha mala descrición, porque Lumberjanes ten máis de brinca e troula que de relato exemplar. Se algo hai que agradecer ás autoras é a decisión, que semella ben consciente, de facer predominar o sentido lúdico sobre calquera outra pretensión. O que abunda nestes primeiros capítulos é o misterio, a aventura atolada e o humor. Esta inmediatez de propósito non debe agochar o feito de estarmos perante un cómic habilmente construído, algo que fica demostrado xa no capítulo inicial, unha lección de como contextualizar a acción, presentar os personaxes e suxerir a idea central do relato en apenas 24 páxinas.

Nun mundo perfecto, non habería que abordar esta obra dende unha perspectiva de xénero, mais non estamos nun mundo perfecto. Si, as autoras de Lumberjanes son todas mulleres. E si, as protagonistas son todas rapazas. E non, polo visto ata agora semella que non todas elas son heterosexuais. Non faltará quen precise dunha explicación para tanta sobrerrepresentación feminina e queira albiscar unha axenda feminista no subtexto, e haberá que darlle a razón: estamos perante un cómic ideoloxizado, pero non máis que un relato escrito por homes e protagonizado por varóns heterosexuais (ocórreselles algún?). Se a alguén lle molesta ou o atopa forzado, é libre de xulgalo como queira. Iso si, dada a naturalidade con que flúe o relato e a ausencia de subliñados ideolóxicos, quen non sexa quen de ir máis aló e o considere un panfleto estará a ser vítima dunha hipersensibilidade case episcopal.

Lumberjanes aporta unha ollada renovadora sobre a tradición narrativa xuvenil da que é herdeira. As estruturas clásicas son reinterpretadas cun sentido netamente contemporáneo e non só por enganar silandeiramente o discurso sexista e heteronormativo, senón tamén por valerse da aventura e a fantasía como forzas liberadoras. O lixeiro pode resultar dobremente transgresor. A metade de camiño entre o indie e o mainstream, a obra confirma ademais unha sorte de relevo xeracional, cunhas autoras que chegan ao cómic cun cargamento referencial complexo, no que a banda deseñada semella non ter máis importancia que a animación comercial ou outras ficcións televisivas, e que se dirixen a un lector capaz de descifrar estes códigos con naturalidade.

Así que, polo pouco visto nestes catro primeiros números da serie, semella que a cabeceira reúne as virtudes suficientes como para merecer a súa boa prensa. Non sei se Lumberjanes gustará ás novas xeracións de lectores, mais si sei que é o tipo de lectura xuvenil que me gustaría que os meus fillos fosen quen de apreciar.

Sem comentários: