martes, setembro 29, 2015

Lazarus

























Hai pouco, a escritora Kelly Thompson defendía nunha columna que a expresión strong female character, tan de actualidade, non debe ser interpretada de forma literal e que cando se demanda unha mudanza no xeito de representar as mulleres en ficcións de todo tipo (cómics, películas, series, novelas) non se alude exclusivamente a introducir personaxes femininos físicamente fortes ou cun carácter dominante, senón que o esencial é que se trate de personaxes ben construídos e narrativamente relevantes. Coincido plenamente coa súa posición aínda que non estou seguro de que a devandita etiqueta (strong female character) se empregase sempre con ese significado. Sexa como for, o certo é que hai xa tempo que se vén consolidando un novo estereotipo de personaxe feminino que se caracteriza por ser a antítese da representación tradicional das mulleres nos medios narrativos e especialmente nos xéneros máis populares. Fronte á súa reclusión en roles secundarios, pasivos, febles e faltos de carácter, este novo modelo de muller participa de atributos tradicionalmente masculinos: a centralidade nos relatos, a forza, a iniciativa, o valor. Aínda que podemos atopar antecedentes dende hai décadas, como a tenente Ripley de Alien (1969) ou a Sarah Connor de Terminator II (1991), é nos últimos anos cando se xeneraliza a categoría que na actualidade ofrece exemplos tan notables coma a Katniss Everdeen da serie de novelas e películas Hunger Games ou coma a Imperator Furiosa de Mad Max: Fury Road, personaxes que están a ser xa esmiuzados analiticamente, con intrepretacións diversas e mesmo contraditorias. Estamos perante unha asunción sincera da crítica feminista ou se trata dunha devaluación, a transformación dun concepto subversivo nun produto consumo? É difícil responder a esa pregunta, probablemente cada caso mereza a súa propia resposta, mais unha cousa si está clara, o estereotipo feminino tradicional na súa versión máis pacata semella estar xa superado.

Se repasamos a traxectoria de Greg Rucka atoparemos nela un bo feixe de personaxes femininos que se axeitan á categoría mencionada. Tara Chace, Felon, Carrie Stetko ou Dex Parios teñen en común o seren mulleres absolutamente protagonistas, intelixentes e de carácter forte, moitas delas heroínas de acción en estado puro. A máis recente e probablemente a máis hiperbólica incorporación a este elenco é Forever Carlyle, protagonista de Lazarus, serie que o escritor de California está a desenvolver para Image Comics en colaboración co debuxante Michael Lark. Habitante dun escenario distópico, un pseudo-feudalismo futurista no que as estruturas estatais teñen desaparecido e unhas poucas familias exercen o poder político, económico e militar nun territorio fragmentado, Forever é a Lazarus do clan dos Carlyle, unha caste de supersoldado e líder militar ou, máis exactamente, unha máquina de matar capaz de esquivar a morte. A súa destreza coma combatente provén dunha férrea formación que, como veremos a medida que avanza o relato, comezou na súa infancia. Sen embargo, a invulnerabilidade que a fai case imposible de matar é consecuencia de melloras científicas que foron introducidas no seu corpo posteriormente.

Forever Carlyle é, xa que logo, unha criatura híbrida, orixinalmente humana pero tecnicamente mellorada, unha cyborg que, como todo cyborg, é sospeitosa de non ser humana. O feito de ter sido "creada" cun fin, o de converterse na protectora da familia Carlyle, acentúa a súa cousificación. Coma os rapaces clonados de Non me deixes nunca, creados co propósito de doar os seus órganos vitais a "humanos de verdade", Forever Carlyle é un instrumento que outros manexan para os seus propios fins. Coma os mozos que imaxinara por Kazuo Ishiguro, ela tamén reivindica a súa humanidade a través dos sentimentos. A indestructible Forever vive só para sentirse membro da súa familia e compracer ao seu pai (realmente padrastro), que a someteu a chantaxe emocional dende a infancia. De aí a entidade do dilema que se lle plantexa cando comeza a sospeitar que ela non é realmente filla do seu pai, xa que desprenderse da súa ancoraxe sentimental implica perder o pouco que a identificaba coma humana. 

O personaxe de Forever revélase, xa que logo, como a peza clave arredor da cal vai tomando forma unha narración na que os episodios de acción alternan coas intrigas e traizóns propias do enfrontamento entre clans. Rucka desenvolve o argumento con solidez, ben secundado por un Michael Lark cuxo debuxo árido aporta a atmosfera que o relato require. Os dous primeiros tomos publicados por Norma sitúán a cabeceira na intersección entre relato de xénero e cómic de autor que busca un público maioritario, unha fórmula que ten en series como The walking dead o seu expoñente máis destacado. De feito, un título como Lazarus podería dar bo resultado trasladado á pequena pantalla, algo que, intúo, non se lle escapa aos propios autores.

Ningún comentario: