luns, maio 18, 2015

Elipses e sombras: Beleza fóra de canon

Episodios lunares
 
Martín Romero regresa con Episodios lunares, unha escolma de relatos cheos de misterio e onirismo que o autor publicou en cabeceiras diversas entre 2007 e 2012.

Miguelanxo Prado, David Rubín, Emma Ríos, Manel Cráneo ou José Domingo, todas as grandes figuras da banda deseñada galega promoveron ou colaboraron con fanzines e revistas non profesionais nun momento ou outro das súas carreiras. Existe, xa que logo, un corpo de traballos destes autores espallado en cabeceiras diversas, con tiraxes escasas, esgotadas ou mal distribuídas e, non poucas veces, editadas con escaseza de medios. Un material que ás veces pode chegar a ser bastante extenso e que non resulta estraño que posúa valor de seu, alén do éxito posterior dos seus creadores. Títulos coma El circo del desaliento de David Rubín ou Cousas de mortos de Manel Cráneo demostran que estes materiais poden dar lugar a excelentes volumes de compilarse con intelixencia.

Isto é o que acontece con Episodios lunares, libro que recolle oito relatos que Martín Romero publicou entre 2007 e 2012 en cabeceiras coma a revista Argh! ou o Fanzine Enfermo e que agora recuperan nunha edición conxunta Reino de Cordelia e Vidas de Papel. Tenros e desacougantes ao mesmo tempo, estes contos constitúen unha excelente porta de entrada ao particular universo do seu autor, un mundo repleto de onirismo e tamén de fantasía, mais sempre cun aquel amargo. Romero reconstrúe dende as súas propias claves creativas o imaxinario de mitos e fábulas. Nas páxinas de Episodios lunares atopamos xigantes, lobishomes, pantasmas, monstros do pantano e mortos que volven á vida, personaxes de conto que o autor recrea contemplando as fórmulas clásicas do relato fantástico e terrorífico dende unha certa distancia. Historias cheas de arestas e cun aire de fábula nas que Romero exerce coma un moralista singular, irónico, que prefire convidar ao lector á reflexión denantes que impoñerlle unha aprendizaxe.

A ollada infantil, que xa ocupaba o centro do relato no seu traballo anterior, o moi notable Las fabulosas crónicas del ratón taciturno (2011), aparece de novo tinxida de melancolía e misterio. Os nenos de Romero non son felices e os seus xogos case nunca son inocentes. Do pequeno voyeur que fecunda unha flor á cativa que sofre polo pai ausente pasando polos sucesivos encontros de nenos con monstros, o percorrido de Romero pola infancia fai sempre parada no suceso traumático que deixa unha pegada no carácter e condiciona a vida adulta.

É probable que a maior novidade deste volume sexa o tratamento das cores, ausentes en moitos dos traballos previos de Romero e mesmo na versión orixinal dalgún destes contos. Os tons esvaecidos aos que recorre o autor contribúen a crear atmosferas narrativas, eludindo a exuberancia e acadando unha beleza afastada dos canons tradicionais. Permanecen, iso si, a minuciosidade do trazo e o gusto pola composición ordenada que lle confiren ás páxinas unha aparencia de miniatura. A poética visual de Romero pertence a esa longa estirpe de debuxantes (Edward Gorey, Kim Deitch ou mesmo Maurice Sendak) que extraen o que de sinistro e inquietante hai nos códigos da ilustración infantil.

Non sendo un dos nosos artistas máis populares, Romero é un autor ben valorado no estranxeiro, especialmente no mercado francófono. Estes Episodios lunares foron publicados orixinalmente en Suíza e Las fabulosas crónicas del ratón taciturno contou tamén no seu día cunha edición en francés, mentres que o que será o seu próximo libro, Lost horizon, sairá axiña en Canadá. Algo hai, xa que logo, na súa lúcida distorsión da realidade que o fai accesible a lectores de todo o mundo. Tome nota o lector galego, non sexa que teñamos diante dos ollos unha pequena alfaia e non sexamos capaces de recoñecela.
 

Ningún comentario: