xoves, abril 23, 2015

Elipses e sombras: Turbio relato de supervivencia

Destino Hërgüss

Tras anos centrado no seu labor de editor e de ilustrador de guións alleos, Manel Cráneo regresa como autor completo con Destino Hërgüss, un relato de aventura e tamén unha desacougante historia de supervivencia en condicións extremas.
 
A obra que agora chega ás librarías baixo o nome de Destino Hërgüss é o resultado dun longo proceso de elaboración que comezou hai máis de cinco anos e atravesou varias fases. Unha primeira versión da mesma resultou merecedora dunha das efémeras e polémicas axudas á creación de banda deseñada que a Xunta de Galicia promoveu en 2010. Pero o proxecto foi mudando no proceso creativo, medrando en extensión e demandando mellores condicións de edición, polo que o seu autor, o debuxante coruñés Manel Cráneo, recorreu a unha campaña de micromecenado a través da rede para obter o financiamento que lle permitiría publicar o título en condicións satisfactorias. O resultado é o que probablemente sexa o traballo máis ambicioso do autor ata a data. 
 
En Destino Hérgüss Manel Cráneo regresa ao Planeta Mincha, o mundo imaxinario que el mesmo creou para a serie de libros ilustrados do mesmo nome. Coma aqueles libros, esta nova aventura toma coma punto de partida a exploración de paisaxes descoñecidas e a descuberta de criaturas fantásticas. Mais Cráneo non se limita a ampliar as marxes do seu mundo de ficción, engadindo personaxes e escenarios, senón que tamén muda a súa forma de contemplalo. Fronte a ollada amable duns libros que estaban dirixidos a lectores moi novos, Destino Hërgüss recolle un achegamento menos compracente, no que o humor e a aventura iniciais deixan paso a unha trama na que asoman os fantasmas propios das historias de illamento.
 
Protagonizan o relato Pichük, un científico novo e ambicioso, e Tombö, un pastor forte e afouto. Ambos son elixidos para levar a cabo unha misión científica nun dos lugares máis inhóspitos do Planeta Mincha, as terras xeadas de Hërgüss. As diferenzas de carácter marcan os primeiros lances do relato, cun Pichük cerebral e prudente que non atura os arranques dun Tombö mullereiro e lambón. Apolo contra Dionisio en versión Mincha. Os lectores máis espelidos intuirán un desenvolvemento axustado aos patróns das aventuras “de colegas”: da rivalidade á cooperación e de aí á reconciliación. Mais non. Cun brusco xiro argumental á metade do libro a narración afástase do seu decurso previsible para se transformar nun turbio relato de supervivencia física e moral.
 
Se exceptuamos compilacións de traballos previos coma Cousas de mortos (2012), Cráneo non asinaba unha obra como autor completo dende Os lobos de Moeche (2009), título que fora carta de presentación de Demo Editorial. A comparación con aquel traballo revela agora a  un debuxante máis maduro, que deseña con chispa e narra con facilidade, pero sobre todo a un argumentista que controla os tempos, administra a intriga e dialoga mellor. Ademais, o libro vén acompañado dunha banda sonora composta polo autor que pode ser descargada da rede, un singular agasallo que demostra a preocupación de Cráneo por ofrecer valor engadido aos seus lectores.

Ningún comentario: