xoves, marzo 26, 2015

Next Men 4

























Xa coñecemos a traxectoria editorial dos Next Men de John Byrne. O primeiro volume da serie pechouse de forma abrupta en 1995 e o título quedou en suspenso ata 2010, cando seu creador o recuperou en forma de miniserie de nove números coa que chegou á súa conclusión definitiva. Esta etapa final, publicada no seo da editorial IDW e aínda inédita entre nós, é a que recolle o cuarto en derradeiro tomo da edición de Norma (2014), unha recompilación necesaria que ademais de pechar o ciclo da cabeceira permitiu que unha nova xeración de lectores se achegase ao material orixinal.

Descoñezo se o peche que Byrne lle deu á serie coincide no substancial ou non co que concibira inicialmente. Teño a impresión de que non, xa que nestes números finais a trama deriva cara temas que non foran tratados antes (viaxes no tempo, dimensións alternativas, alteracións da Historia...), aparecen personaxes novos e mesmo Satanás, o antagonista que aportaba á serie un horizonte final, fica relegado a un segundo plano. É probable que isto se deba a que os elementos que deron sentido á serie na súa orixe (a mestura de tópicos superheroicos con elementos de ciencia ficción) resultaban na segunda década do século XXI moito menos estimulantes que cando foron concibidos inicialmente, a mediados dos noventa. En calquera caso, fronte ao desleixado e repetitivo de boa parte da produción recente de Byrne, neste caso semella que o canadense si quixo dar o mellor de si mesmo, algo que resulta especialmente perceptible no debuxo, máis coidado e detallista do que é habitual nos seus últimos traballos. En canto ao argumental, sen ser brillante, podemos dicir que a conclusión resulta correcta.

Coido que tras unha lectura global da obra, os Next Men amosan máis as feblezas creativas que a súa grandeza. En todo o seu percorrido, o título acadou bos momentos e achegou algunhas propostas interesantes, as máis delas nos seus primeiros números e no contexto no que viron a luz, mais o conxunto resulta irregular e as sucesivas reorientacións do título, substituíndo uns propósitos por outros, fixeron que chegara a resultar errática por momentos. Cos seus Next Men, Byrne contribuíu ao nacemento dun cómic comercial nos contidos e autorial no legal que leva dados excelentes froitos, mais a relevancia da súa aportación deriva máis da súa popularidade nos noventa que da calidade do serial que produciu. Coido que non resulta inxusto nin pexorativo concluír que o máis valioso do traballo do canadense atópase na súa interpretación de personaxes alleos (os X-Men, os 4 Fantásticos, Superman) e que, da súa faceta como creador, o máis destacado foi a súa etapa en Alpha Flight, por máis que paradoxalmente nin eses personaxes nin esas historias lle pertenzan legalmente.

Entradas relacionadas
Next Men 1
Next Men 2
Next Men 3

Ningún comentario: