xoves, agosto 21, 2014

Powers: Federales 1. Infiltrados

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
A diferencia doutras series dun perfil semellante, Brian Michael Bendis prescindiu en Powers de argumentos a longo prazo. Practicamente todos os arcos argumentais poden considerarse unitarios e autoconclusivos e as poucas subtramas que o escritor trasladou dun arco a outro foron resolvéndose sobre a marcha. Isto permitiulle a Bendis cambiar de dirección tantas veces como lle pareceu necesario (e foron unhas cantas), pero ao mesmo tempo semella ás veces que a cabeceira carece dunha orientación clara que lle dea sentido.
 
En Federales 1: Infiltrados (Panini, 2014) Christian Walker e Deena Pilgrim estrean estatus: volven traballar xuntos, aínda que non como policías senón como axentes do FBI, apenas un matiz no que podemos considerar unha volta ás orixes. A serie recupera o seu enfoque inicial despois dunha longa tempada, o cal resulta de agradecer. Se exceptuamos algúns diálogos, afectados e peliculeiros en exceso, Bendis manexa con solvencia a fórmula que el mesmo creou para esta cabeceira, mentres Michael Avon Oeming segue na súa liña, desleixado por momentos, potente as máis das veces. Probablemente nada tería sentido sen el na serie. Os dous autores crearon un modelo de relacións entre humanos e seres superpoderosos estimulante e divertido. A súa próxima transformación en serie de TV é a forma de constatación do éxito máis paradigmática dos tempos que corren. O problema? Que xa nada soa a novo e que non se sabe cara onde vai a serie, se é que vai cara algún sitio.
 
Coda: a portada de Powers: Bureau #4 é unha homenaxe ao ilustrador de portadas pulp Robert McGinnis e un dos seus traballos máis célebres, a portada para Wild midnight falls de M. E. Chaber.

Ningún comentario: