domingo, setembro 08, 2013

Next Men 1

























A carreira profesional de autores como Mike Mignola, Frank Miller ou Todd McFarlane cambiaría de forma irreversible nos primeiros 90, cando comezaron a buscar ou mesmo artellaron plataformas de publicación alternativas a Marvel e DC. A través de Dark Horse, Mignola crearía o seu célebre Hellboy e Miller publicaría Give me Liberty (coas súas continuacións) ademais das primeiras historias de Sin City, mentres que Todd McFarlane fundaría con outros debuxantes Image Comics e acadaría cifras espectaculares con Spawn. John Byrne tamén deu daquela un paso semellante, pero a súa sorte foi distinta, a pesar de partir dunha posición claramente favorable. O canadense conservaba aínda boa parte do seu merecido prestixio e seguía a ser un dos autores máis seguidos do momento, malia que a súa segunda etapa en Marvel, cara finais dos 80, non acadara nin o nivel creativo nin o éxito dos seus mellores traballos. Byrne apostaría tamén por Dark Horse, onde publicaría o volume unitario 2112 e posteriormente abriría a serie regular Next Men, que centraría a súa produción creator-owned durante os 90.

Malia ter obtido unha acollida crítica aceptable e contar con lectores abondo para manterse viva entre 1991 e 1995, non se pode dicir que sexa esta cabeceira a primeira que se vén á mente cando un menciona o nome do seu creador, ao contrario do que acontece cos autores mencionados anteriormente. Os motivos son varios. En primeiro lugar, o seu peche foi en falso; Byrne interrompeu o desenvolvemento da serie no seu número 30 coa idea de retomala uns meses máis tarde, o que finalmente non foi posible. O título foi, dende entón e por moitos anos, unha obra inconclusa e sobre a que periodicamente xurdían rumores de continuación ata que, en 2010, o canadense retomou e finalizou a serie da man de IDW. En segundo lugar, tras deixar a cabeceira en suspenso, Byrne traballaría de novo para Marvel e DC, ligando o seu nome aínda máis ao das grandes franquicias superheroicas, e non sería ata bastante máis adiante que recuncaría en proxectos da súa propiedade, ningún tan valorado coma Next Men. E por último, malia as virtudes desta obra, coido que existe un consenso en que os traballos nos que Byrne alcanzou a excelencia foron outros: a súa etapa en Uncanny X-Men, nos 4 Fantásticos, o seu Alpha Flight e The Man of Steel. É dicir, foi traballando con títulos alleos cando o canadense deu o mellor de si.

Dito isto, coido que tampouco pode negarse que, ademais de ser o seu mellor traballo creator-owned, Next Men debe contarse entre os títulos recuperables da bibliografía de Byrne, polo que é unha boa nova que Norma reedite en catro volumes a saga completa, incluíndo a etapa máis recente, ata agora inédita entre nós. O primeiro tomo (Norma, 2013) ábrese con 2112, one-shot que sería antesala da cabeceira, e contén os números 0 a 6 da serie regular, que abondan para formarnos unha idea de en que consistía a proposta. Nunha primeira impresión podería parecer que o canadense pretende distanciarse do xénero dos superheroes, que centrara a práctica totalidade da súa carreira e ao que debía (e debe) debe a súa sona, optando por unha aventura de ciencia ficción. Sen embargo, axiña queda claro que tanto no futurista 2112 coma especialmente en Next Men, os elementos de sci-fi son ornamento, mentres que as estruturas son claramente debedoras do tebeo superheroico. Os personaxes protagonistas non só teñen superpoderes, uns superpoderes que apenas que coñecen e que deben aprender a usar, senón que o reparto de roles entre eles reproduce fielmente as estruturas típicas das formacións superheroicas. E o mesmo pode dicirse do seu antagonista, expresivamente chamado Satanás, personaxe dotado da teatralidade propia dos superviláns de cómic. Cunha tópica investigación gobernamental que se extravía como punto de partida, Byrne elabora un relato de persecución no que os protagonistas deben desenvolverse nun mundo que non coñecen e no que non saben en quen poden confiar. Sen grandes pretensións, o canadense artella unha aventura de tempos ben medidos e no que, iso si, se permite ir un pouco máis aló do que estaba permitido no cómic mainstream do seu tempo.

E probablemente esa sexa unha última clave que explica por que Byrne non foi quen de triunfar como propietario das súas propias creacións. Malia a súa aparencia externa, nada en Next Men se afasta excesivamente do que levaba anos facendo e faría nos anos seguintes. Faltoulle a vontade ou a capacidade para diferenciar o seu produto e amosar unha versión distinta de si mesmo como autor, ofrecendo simplemente unha nova mostra do que xa sabiamos que era quen de facer.

1 comentario:

laBaronesa dixo...

Pensar que nunca lin isto de Byrne...