venres, xuño 14, 2013

Grandville




















Bryan Talbot imaxina en Grandville (Astiberi, 2013) unha Gran Bretaña que inicia o século XX como República Socialista recentemente emancipada do imperio francés, ao que estivo sometida dende a súa derrota nas guerras napoleónicas. Na paisaxe ucrónica que Talbot debuxa, o Reino Unido aparece coma vítima da política colonial que el mesmo promoveu no mundo que coñecemos. A lingua inglesa, a día de hoxe a maior ferramenta de penetración cultural do mundo anglosaxón, é en Grandville un dialecto connotado pexorativamente que sobrevive só no rural. Os británicos falan en francés e son desprezados na antiga metrópole. Simpatizando con eles, o lector estará a censurar o pasado colonial británico no noso mundo, todo un paradoxo (especialmente para o lector británico) que nos indica que a ucronía de Talbot non ten nada de inocente. De feito, a compoñente política do relato, no que atopamos tamén alusións ao 11-S e ás célebres armas de destrución masiva, ten máis relevancia que a de ofrecer un simple escenario no que desenvolver un argumento policial. Ao contrario, diríase que a trama, un misterio criminal, é o pretexto que o autor se dá para presentar ao lector este mundo estraño que non só inverte o pasado histórico de Europa para desenvolver un discurso político, senón que crea un aparatoso escenario mediante a combinación de códigos narrativos diversos .

Unha das referencias máis obvias da obra é a estirpe holmesiana dos protagonistas, o inspector Le Brock de Scotland Yard e o seu axudante Roderick Ratzi. Aínda que a filiación das dúas figuras é máis que evidente, Talbot xoga a mudar os estereotipos, cun detective menos flemático e máis violento que o de Conan Doyle, ademais de activo sexualmente, e un pseudo-Watson que non se limita a ser testemuña asombrada das investigacións do seu compañeiro senón que é tamén un home de acción. Habería que especificar que non é un home senón unha rata, xa que Talbot concibe os seus protagonistas coma funny animals. Orabén, dado o ton sombrío do relato e o notable grao de violencia da trama, os animais de Grandville teñen pouco de funny. Ao contrario, participan da tendencia máis recente que subverte a tradición orixinal dos animais antropomórficos empregándoos en obras que pouco teñen que ver co entretemento infantil. E finalmente, o conxunto do relato desenvólvese nun grandioso escenario no que a ambientación art-déco convive con tecnoloxía anacrónica na mellor tradición do steampunk.

Grandville revélase así coma un texto hipercodificado, no que un aparatoso aparello formal sostén unha trama policial sinxela, mesmo convencional, e no que o máis interesante son as lecturas en clave política que suscita o escenario. O plan do autor é desenvolver a cabeceira en cinco volumes dos cales xa foron editados os tres primeiros. Esta primeira aventura pode considerarse unha introdución prometedora, mais está por ver se Talbot é quen de tirarlle todo o partido a este peculiar mundo que creou.

Ningún comentario: