mércores, xaneiro 30, 2013

O mundo precisa heroes

El héroe vol. 2

O primeiro libro de El héroe (Astiberri, 2011) deixaba poucas dúbidas respecto da actitude creativa dun David Rubín que, lonxe de acomodarse na repetición de fórmulas previamente ensaiadas, prefería buscar novos camiños para a súa obra. Malia retomar nel moitos dos elementos presentes nos seus traballos anteriores, o ourensán collía un perigoso desvío, artellando un proxecto máis ambicioso e tamén arriscado. Os seus evidentes acertos de entón traducíronse nun recoñecemento crítico practicamente unánime, ademais de en nomeamentos e premios, e só o carácter incompleto da obra invitaba a manter unha certa prudencia. A recente publicación do segundo e derradeiro volume de El héroe (Astiberri, 2012) pecha este ciclo narrativo, permitindo unha correcta valoración da obra no seu conxunto.

Como é sabido, El héroe non é outra cousa que unha revisión do mito de Heracles e os seus célebres doce traballos, relato aventureiro clásico que ten inspirado innumerables e moi variadas ficcións en distintos medios. O primeiro que pode chamar a atención da versión gráfica de Rubín é o feito de adobiar con detalles anacrónicos (fundamentalmente tecnoloxía: automóbiles, consolas, iPods...) unha ambientación máis fantástica que histórica, recurso sinxelo e resolto con elegancia que lle vale ao autor para introducir unha tensión entre tradición e modernidade que está no cerne da obra. De feito, máis aló do simplemente estético, o conxunto do traballo semella concibido para explorar a viabilidade actual, mutatis mutandi, das formas narrativas propias dos antigos mitos, relatos de forte alento épico e tensión dramática no que se invocan os máis altos valores. O propio Rubín ten salientado en diversas ocasións que esta obra xurde da súa insatisfacción fronte o tebeo de superheroes actual, que o autor xulga coma aburrido e falto de orixinalidade. Herdeiro natural do relato mitolóxico durante décadas, o xénero superheroico é hoxe vítima da repetición de fórmulas e dun control editorial que limita a creatividade dos autores. Para máis abundar, os intentos de renovación de máis éxito dende que o xénero adquiriu consciencia de si a finais dos 80 adoptaron preferentemente unha visión irónica e descrida, desposuíndoo do seu tradicional idealismo. Con El héroe Rubín estaría a reivindicar a volta ao relato heroico tradicional, sendo o seu grande mérito o de conseguilo a través dunha obra de modernidade indiscutible.

Rubín atopa no mito de Heracles e as súas doce tarefas un pretexto argumental idóneo para elaborar unha grandiosa epopea repleta de acción e aventura, mais tamén para reflexionar sobre os claroscuros da condición heroica. O mozo Heracles gozará da gloria das vitorias pero descubrirá tamén as servidumes do seu labor, a dependencia daqueles que axuda, a imposibilidade de levar unha vida familiar normal. A esta idea central iranse engadindo outras, moitas delas susceptibles de seren lidas en clave actual: a lexitimidade do poder, a manipulación dos gobernantes, a fidelidade a uns ideais ou a responsabilidade dos medios de comunicación. E, por riba de todo, Heracles está enfrontado dende o seu nacemento coa deusa Hera nunha loita da que non poderá saír vitorioso, o que lle confire unha dimensión fatalista a toda a súa angueira. Fronte a descrenza e a distancia irónica que caracterizan os heroes de ficción contemporáneos, Rubín opta polo idealismo, a implicación moral e o sentido tráxico. Todo un desafío.


Lonxe de optar por unha narrativa invisible, Rubín desprega un extenso catálogo de recursos visuais, a maioría deles ben ostensibles, cos que responde á condición fantasiosa do narrado e o extremado das situacións expostas. Isto resulta moi obvio na utilización dunhas cores intensas, básicas, case estridentes, que subliñan a ambientación fantástica e acentúan o sentido de espectáculo, ao tempo que contrastan co recorrente uso do branco e negro polo autor na súa obra previa. Mais alén diso, cada episodio ten a súa feitura, cada páxina semella ser resultado dunha coidada planificación, alternando composicións simétricas con cadriños asimétricos, ilustracións a toda páxina ou a dobre páxina con planos detalle, incorporando lances mudos, empregando onomatopeas coma marco… Nin o lector menos atento a estes aspectos poderá obviar o aparatoso artificio narrativo que Rubín constrúe para desenvolver o relato, ata chegar a converter o propio acto de lectura nunha experiencia de seu. Polo demais, sen necesidade de introducir citas recoñecibles ou homenaxes explícitas, o peculiar estilo gráfico de Rubín, que mestura elementos de tradicións tan diversas coma o manga, a BD europea ou o tebeo comercial norteamericano, consegue dotar a obra dunha dimensión referencial, ao poder rastrexarse nos seus deseños a pegada de autores clásicos do tebeo superheroico coma Jack Kirby ou Jim Steranko. O resultado é un desenvolvemento gráfico contundente que, lonxe de procurar un lucimento persoal ou de caer nunha experimentación baleira, participa da idea de busca e renovación que dá sentido á obra.

Atopámonos, xa que logo, perante un traballo de simplicidade enganosa. Pártese dunha premisa argumental sinxela e coñecida, que o autor desenvolve de forma lineal, aportando abundantes doses de acción e espectáculo. Mais no canto de apostar só polo entretemento, Rubín adopta unha perspectiva crítica que non só cuestiona a forma e o fondo de certos modelos narrativos contemporáneos, senón que ademais ofrece unha contundente alternativa. Nun complicado equilibrio, o autor reivindica unha certa tradición sen caer na nostalxia; elabora un traballo autoconsciente e referencial pero nunca irónico. El héroe marca un importante salto cualitativo na carreira de David Rubín e sitúa o ourensán por dereito propio na primeira liña da banda deseñada europea actual.

Ningún comentario: