mércores, marzo 28, 2012

The League of Extraordinary Gentlemen: Century 1969



Se falamos de cómic, o termo crossover adoita empregarse case sempre para referirse a aqueles macroeventos editoriais nos que algunha das grandes compañías deseña un argumento que involucra a varios personaxes e/ou cabeceiras e nos que os obxectivos comerciais adoitan primar sobre os creativos. Mais os cruzamentos entre universos de ficción non son algo exclusivo do xénero superheroico nin do cómic en xeral, senón que se empregan tamén en películas, series de TV, videoxogos ou, en menor medida, na literatura. Aínda que é complicado xeneralizar, este tipo de operacións adoitan estar guiadas por un certo espírito pícaro, case amateur, ao centraren os seus esforzos en tirarlle todo o partido á interacción entre os elementos (personaxes, mundos) mesturados deixando calquera outro obxectivo nun segundo plano.

The League of Extraordinary Gentlemen
pode ilustrar correctamente o espírito lúdico propio dos crossovers. A cabeceira creada por Alan Moore e Kevin O’Neill xurde cunha clara vocación de homenaxe a autores coma Wells, Verne, Stevenson ou Rider Haggard e pon todo o seu énfase, especialmente nas dúas primeiras miniseries, en explorar as posibilidades da interacción entre os célebres personaxes protagonistas: Nemo, Mina, Quatermain, Jekyll/Hyde, Griffin e demais. Afeitos como estamos aos complexos xogos intertextuais de Moore, estas dúas primeiras historias sorprenden pola súa simplicidade e falta de pretensións, máis aínda se consideramos o calibre dos imaxinarios que se poñen en xogo e o que poderían ter dado de si na pluma do autor de Watchmen. Esgotada esa veta, Moore procura a renovación da cabeceira incorporando novos personaxes (entre outros, Carnacki, Orlando e Raffles en Century 1910) e, o que é máis notorio, introducindo o factor tempo. A curiosidade de ver aos personaxes fóra das súas coordenadas temporais substitúe á interacción persoal coma motor do relato, e así, contemplamos como a Liga e os seus integrantes pasan dun entorno victoriano a 1910, 1958 e, con este Century 1969 (Planeta, 2012) que nos ocupa, 1969.

Desta volta, Moore (des)ubica os integrantes da Liga (Mina, Quatermain, Orlando) no Londres lisérxico do 69, facéndoos participar dos previsibles excesos de sexo, drogas e rock'n'roll propios do momento. Como acontecía con Century 1910, o relato recolle moitos dos tópicos da escrita do seu autor (a maxia, as viaxes astrais, Londres, Aleister Crowley...) mais na súa versión máis lúdica e desenfadada. A eses ingredientes clásicos engade un retrato dos Rolling Stones próximo á parodia (os Beatles son simplemente mencionados) e un paseo pola subcultura da psicodelia pop, alonxándose paulatinamente da tradición cultural que está na orixe da serie (a literatura victoriana) e, por tanto, facendo do contraste e a asociación enxeñosa parte esencial da proposta. O feito de ser esta cabeceira a única que Moore mantén aberta indicaría que se sente cómodo no proxecto e se ve capaz aínda de tirarlle partido, por máis que un teña a sensación de que do seu indiscutible talento pode esperarse bastante máis.

Ningún comentario: