luns, febreiro 06, 2012

Punto de fuga



Demo, o proxecto editorial de Manel Cráneo, segue a engadir títulos ao seu catálogo. A finais do ano pasado saía do prelo Punto de fuga (Demo, 2011), primeiro traballo longo do lugués Miguel Cuba que nos achega a unha realidade ben próxima, a de toda unha xeración de mozos e mozas que, malia ter unha formación superior, son incapaces de tomar as rendas da súa vida pola falta de expectativas laborais. Encetando pequenos sucesos diarios protagonizados por un mozo licenciado en Belas Artes e o seu círculo de amigos, dáse testemuño das escasas alternativas que se lle ofrecen á mocidade actual: aceptar un emprego por baixo da súa cualificación, optar á minguante oferta pública, probar fortuna no estranxeiro. Facendo do cotián a materia do seu relato, Cuba achégase ao slice of life, aínda que con matices. Fronte o ton monótono e melancólico que chegou a caracterizar o xénero nalgunha das súas versións máis difundidas, o lugués opta por unha sutil combinación de sentimentos, na que ademais de fastío e frustración hai espazo para a esperanza e tamén para o humor.

Gráficamente, Cuba recorre a un debuxo limpo e de trazo finísimo, simple só en apariencia e moi versátil, complementado por unha paleta de cores claras, luminosas, aínda que en ocasións pouco matizadas. O coidado pola ambientación tradúcese na representación de paisaxes perfectamente recoñecibles, dende Compostela ata a vila de Santa Cruz, en Oleiros. Os debuxos en branco e negro que decoran este volume ofrecen unha perspectiva diferente do grafismo do autor, igualmente atractiva e que ben merecería unha oportunidade en futuros traballos.

En conxunto, atopámonos perante unha nova variante dunha melodía xa coñecida, a do retrato xeracional, pero con suficientes atractivos como para xustificar a súa lectura e agardar con interese por novos títulos do seu autor.

Ningún comentario: