luns, febreiro 13, 2012

Névé



Glénat editou o ano pasado nun único volume integral os cinco álbums de que consta Névé (Glénat, 2011), cabeceira centrada no mundo da escalada, escrita por Dieter e debuxada por Emmanuel Lepage. Aínda que cun macro-argumento que lle dá certa continuidade ao conxunto, os cinco relatos resultan considerablemente autónomos, narrándose neles o tránsito dende a adolescencia á idade adulta do protagonista. O ciclo parte dun suceso traumático que se relata no primeiro álbum e chega ata o intre no que o protagonista se sente quen de tomar as rendas da súa propia vida no derradeiro.

Aínda que ofrecen unha equilibrada combinación de aventura, drama e romance, os guións de Dieter mantéñense sempre dentro dun marco de previsibilidade. Diríase que, no reparto de tarefas, ao escritor correspóndelle manter unha sobria regularidade mentres é o debuxante quen ofrece espectáculo. As dimensións tradicionais do formato europeo acáenlle perfectamente a un Lepage que atopa un terreo propicio para despregar un amplo catálogo de recursos. Así, o evidente talento do artista para a creación de espacios e ambientes atopa nas pranchas de gran tamaño un valioso aliado, o que se traduce nunha abundante representación de paisaxes de montaña de enorme plasticidade. Mais sería errado suxerir que Lepage se limita a ofrecer unha sucesión de postais, xa que a combinación das dimensións de páxina cunhas localizacións abertas, repletas de abismos e desniveis, permítelle tamén ensaiar secuencias narrativas complexas e dunha espectacularidade notable. Finalmente, deberiamos mencionar tamén o seu bo labor na definición e representación de personaxes, así como en xeral na figuración, que participa da mellor tradición do debuxo realista europeo e conta con referentes claros na obra de artistas como Giraud, Vance ou Francq.

Irreprochable no gráfico e correcto no argumental, Névé acusa a falta de disposición dos seus autores para asumir riscos e diferenciar o seu traballo. En última instancia, a obra remata por caer nun discreto convencionalismo que conduce a unha certa atonía. Unha mágoa, habendo vimbios para bastante máis.

2 comentarios:

trucha dixo...

home, predecible predecible..a min pareceume que cae en historias demasiado rocambolescas cando xa con eses debuxos tería moito gañado..
gustaríame mais un guión sinxelo pero profundo, o paso da adolescencia ao mundo adulto a través da montaña..

Ollo de Vidro dixo...

Home, en termos reais si pode ser máis rocambolesco que predecible (estamos a falar dun ghicho que o mesmo está en Chamonix que en Nepal que se dá un rulo por Irlanda) mais narrativamente si me pareceu todo excesivamente convencional.