domingo, setembro 25, 2011

Historia de Cyann



A Historia de Cyann, saga en curso a cargo de Claude Lacroix e François Bourgeon, ten un extenso prólogo no seu primeiro álbum, A fontana e a sonda (Norma, 1995), no que se presentan os protagonistas do ciclo e se define o seu contexto, unha civilización futurista cuxa cultura se constrúe a partir do carácter sagrado da auga. Cyann móstrasenos coma unha moza individualista e indisciplinada que recibe unha encomenda relacionada coa súa condición de herdeira da dinastía gobernante, dando lugar á clásica encrucillada entre desexo e deber.

Bourgeon e Lacroix esquivan a que sería a enésima revisitación dun argumento tan clásico coma o camiño do heroe (a viaxe na que o protagonista consuma a súa misión e cumpre o seu destino) plantexando cada álbum coma unha disgresión do precedente. A viaxe de Cyann terá lugar pero seguindo un roteiro que non só non será o incialmente previsto, senón que vai mudando despois de cada estación. Así, o segundo álbum da saga, As seis estacións en Ilo (Norma, 1997) parte dun erro de cálculo no primeiro grande desprazamento para desviar o curso do relato dende o seu previsible itinerario inicial cara unha extensa persecusión entre dous enormes vehículos por un planeta descoñecido que lles vale aos autores para liquidar (metafóricamente) a práticamente todos os secundarios herdados da entrega anterior.

O terceiro álbum, Aïeïa de Aldaal (Norma, 2005) fai, en moitos sentidos, tabula rasa. Propón un novo mundo, coas súas novas reglas, e unha secundaria cuxa dialéctica coa protagonista marcará o desenvolvemento do relato. E mais outra vez, ese novo escenario e os seus personaxes pasan ao esquecemento no álbum seguinte, As cores de Marcade (Norma, 2008), ambientado nun outro mundo rexido por unha caste de capitalismo exacerbado, no que non hai lugar para a intimidade e toda interacción persoal ten significado económico. É a primeira vez en toda a saga na que atopamos unha certa vontade de facer metáfora social, aínda que imaxinamos que tamén este escenario pasará ao arquivo nunha eventual continuación.

Os continuos cambios de dirección sen que se enxergue un camiño narrativo declarado invitan a crer que a improvisación e as apetencias do momento priman sobre calquera planificación previa. Malia iso, a lectura destes álbums paga a pena aínda que só sexa para contemplar o magnífico labor escenográfico dun Bourgeon que crea paisaxes, construcións e maquinarias, flora e fauna, vestiarios e caracterizacións, cunha facilidade enganosa e que non desaproveita ningunha oportunidade de ofrecer ao lector mostras do seu asoballante dominio gráfico.

6 comentarios:

Octavio B. (señor punch) dixo...

para mí va a peor, muy bien el 1, incluso la primera "trilogía" se deja querer aunque cada libro un poco menos que el previo(porque cuando eres muy Bourgeon, y yo lo soy, es o que tiene, le buscas lo bueno, y en él lo bueno, je, salta a la vista)
Pero el nº 4 ya ni lo pillé, me pareció hasta descuidado al dibujo... aunque por completismo debería pillarlo, pero hay tanto que pillar...
Por cierto, donde sí me ha gustado Bourgeon es en su reencuentro con Isa, aunque hay que leerlo como un único libro, nada de dos álbumes...

Ollo de Vidro dixo...

Eu véxolle falta de cohesión e ten toda a pinta de avanzar improvisadamente, pero paga a pena polo despregue gráfico. Tomo nota da recomendación.

Armando Requeixo dixo...

Amigo Ollo de vidro,

Descubrín isto:

http://alecrinsetintachina.blogspot.com/

Chamoume a atención a precocidade do rapaz (catorce anos). Pagaba a pena que un experto coma ti se interesase polo caso. Parece que promete. ¿Cal é o teu parecer de profesional?

Apertas cordiais!

Ollo de Vidro dixo...

Grazas Armando (experto, esa foi boa...). Sinceramente e aproveitando que el non nos le, si me parece moi prometedor. Cando se ven os primeiros traballos de artistas despois consagrados resulta sorprendente ata onde se pode chegar a base de práctica e, nos máis dos casos, cunha correcta orientación académica. Esperemos que sexa o caso, que o rapaz persista e de aquí a uns anos oiamos falar del.

Octavio B. (señor punch) dixo...

al respecto:
http://detripas.blogspot.com/2011/09/sembrar.html

Ollo de Vidro dixo...

Xa vexo que non é un "total descoñecido".