mércores, xullo 07, 2010

O voo do corvo



No primeiro dos dous álbums de O voo do corvo (Norma, 2002, 2005) asistimos a unha longa fuxida dos protagonistas polas azoteas do París dos anos 40. Non se trata dunha simple escena aventureira, o lance demórase o suficiente para comezar a definir aos personaxes e facelos interactuar. Pero sobretodo, asistimos a unha fermosa representación da paisaxe parisina dende unha perspectiva atípica: a dos seus tellados, cornisas e chemineas. Lamentablemente, é esa orixinalidade no ollar o que se bota en falta neste díptico de Jean-Pierre Gibrat, demasiado convencional en todo o seu traxecto. A protagonista, Jeanne, pertence á célebre Resistencia contra a ocupación nazi e é (nominalmente, cando menos) comunista; François, o seu partenaire, é un ladrón. Tan obvia confrontación entre idealismo e compromiso, por unha banda, e materialismo, individualismo e egoísmo, por outra, só pode levar a unha antipatía que, como é obvio, dexenerará axiña cara outra cousa ben distinta. Hai, polo tanto, un guión por debaixo do guión ao que o autor de A prórroga se axusta fielmente pero que, sendo ben coñecido polo lector medio, parece non deixar máis argumentos a prol destes dous álbums que o magnífico debuxo do seu autor.

Ningún comentario: