sábado, xullo 17, 2010

1963



A editorial Image xurde, nos anos 90, da posta en cuestión das condicións de propiedade intelectual impostas polas grandes compañías e como redución do seu discurso narrativo cara un modelo de violencia descerebrada e anorexia argumental, mais non cuestiona a eficacia da idea tradicional de universo superheroico como espazo para a interacción dos personaxes de cada editorial. Ao contrario, porfía en imitalo malia as dificultades que podía plantexar (e de feito plantexou) ao respecto un dos alicerces sobre os que se edificaba a nova editorial: a conservación polos autores da propiedade sobre as súas creacións.

Xa que logo, o universo Image nacía a principios dos 90 e, como os proprios personaxes que o conformaban, carecía de pasado, cando menos formalmente. Porén, o modelo de superheroe Image non xurdía da nada, senón que continuaba, cando non imitaba desvergonzadamente, os esquemas do xénero predominantes no seu tempo. Dito doutro xeito, os personaxes de Image nacían formalmente a finais do século XX, pero herdaban unha tradición superheroica, a representada maioritariamente Marvel e DC, que partía dos anos 40 e se prolongaba nas décadas sucesivas.


Alan Moore, descontento co modelo legal das grandes compañías e tras un período no que editaría as súas obras a través de firmas independentes, regresaría aos superheroes traballando para Image. O escritor de Northampton viu unha oportunidade no adanismo deste novo universo, consagrando boa parte das súas obras a inventar un pasado que podería ter sido e non foi ou que, para ser máis exactos, foi pero noutro lugar. 1963 (Image, 1993) é unha miniserie de seis capítulos na que Moore imaxina outras tantas cabeceiras que poderían ter conformado o pasado de Image. Cada episodio se correspondería cun número solto dunha serie supostamente editada en 1963 e que, polo tanto, se axustaría aos parámetros materiais e formais do seu tempo. Xuntos conforman unha caste de crossover que remataría nun one-shot posterior que nunca chegou a editarse, no que se consumaría a conexión entre pasado e presente do universo Image. Como poderá intuir calquera que coñeza a traxectoria de Moore en Image e arredores ou a súa posterior indagación na mitoloxía aventureira e superheroica a través da liña ABC, é na imitación do modelo no que o autor de Watchmen se centra. E o modelo viría constituido polo labor de renovación do xénero que supuxeron os cómics Marvel nos anos 60. Así, resulta doado establecer correspondencias entre as seis cabeceiras (re)creadas por Moore e outras tantas series Marvel do momento, acontecendo o mesmo coa práctica totalidade dos personaxes implicados. Stephen Bisette, John Totleben e Rick Veitch reproducen con eficacia unha liña gráfica emparentada con Jack Kirby, mais tamén con outras figuras da época como Steve Ditko, Herb Trimpe ou Gil Kane, mentres Moore remeda a escrita de Stan Lee mediante a expresión hiperbólica, o monólogo teatral ou as apelacións cómplices ao lector.

Non nos trabuquemos, aínda que estamos ante un cómic abertamente referencial, inzado de chiscadelas e con algún exceso humorístico (os tics anticomunistas ou o abuso da xerga sesenteira), o resultado é máis unha réplica que unha parodia. Por pintorescos que parezan, os capítulos desta miniserie reproducen con notable exactitude os rasgos de estilo do tebeo superheroico dos 60, co que Moore, ademáis de indagar na xenealoxía do xénero, vén a confirmar o que virtualmente xa era certo: que os tebeos Image dos 90 terían os seus antecedentes nos cómics da era Marvel (e aínda máis atrás, habendo referencias á Golden Age ou os cómics patrióticos da II Guerra Mundial).


Esta afirmación tería como obxectivo final o de reconducir a deleiba do xénero superheroico, que o mesmo Moore levara (involuntariamente?) ao colapso con Watchmen e que o infantilismo da nova xeración de creadores reducira a unha fantasía militarista. A natureza hiperviolenta e fascistoide das creacións de Liefeld, McFarlane ou Valentino sería, no discurso de Moore, consecuencia directa da súa falta de referentes paternos, polo que o dotalos dunha linaxe contribuiría a conferirlle un novo sentido (ou máis probablemente algún sentido) ás súas accións. Para Moore, outorgarlle un pasado aos superheroes de Image equivalía a humanizalos.

As desavinzas entre os fundadores de Image impediron a publicación do número especial co que concluiría este proxecto, ademáis de bloquear as súas posibilidades de edición internacional. Con apenas cinco minutos de vida, o universo Image comezaba a fragmentarse, o que non impediu que Moore reformulase a súa tese por distintas vías: primeiro mediante a recreación do personaxe de Supreme, coa que tendeu unha ponte entre o superhome noventeiro e o Superman da Silver Age, máis tarde na miniserie O día do xuízo, que cuestionaba explícitamente todo o percorrido previo dos superheroes Image (ou debería dicir Awesome?). Os esforzos rexeracionistas do autor de V de Vendetta foron sempre inútiles, as súas solucións careceron de continuidade e os personaxes afectados amosaron unha teimuda resistencia á redención. O xénero superheroico non asimilaría o legado de Watchmen ata o século XXI, cos Authority de Warren Ellis e os Ultimates de Mark Millar. O superheroe noventeiro, que aspiraba a ser ese seguinte paso evolutivo, lémbrase hoxe con condescendencia e certo rubor.

Entradas relacionadas

Ningún comentario: