martes, abril 06, 2010

Terra Obscura 2



Este segundo tomo de Terra Obscura (Norma, 2010) recolle a que foi a segunda miniserie da cabeceira, desenvolvida polos mesmos autores da primeira. Nela, a chegada dun arquetípico viaxeiro temporal chamado Capitán Futuro dá lugar a unha cadea de anomalías temporais a partir das cuais Peter Hogan artella un argumento aventureiro protagonizado polos superheroes retro da compañía Nedor que Alan Moore recuperara en Tom Strong. Os cruces temporais permiten, nunha reviravolta moi típica de Moore, reflexionar sobre a evolución do xénero superheroico, confrontando os diferentes enfoques desde os que se tratou á figura do xusticieiro enmascarado. Agora ben, estes aspectos ocupan un lugar secundario dentro dunha trama que privilexia os elementos máis explícitamente superheroicos.

Cómpre non esquecer que a razón de ser da liña ABC era a de explorar as posibilidades do tebeo popular obviando aos superheroes mais tomando como punto de partida o sustrato do que aqueles xurdiron (os heroes pulp, o fantástico, a ciencia ficción, a parodia…). Dende ese punto de vista, esta cabeceira nega unha premisa da liña editorial que semella fundamental, dando entrada a xenuinos superheroes, mais en compensación, reivindica a versión máis inocente e desenfadada do arquetipo, opoñéndose á lectura contemporánea, máis escura, violenta e derivada directamente da evolución do mesmo que Moore e outros autores propiciaron a finais dos 80. Precisamente por iso, o argumento presenta aos superheroes de Terra Obscura como o momento actual dun continuo que xurde da Golden Age pero que non chega á etapa escura ou polo menos non pasa por ela. E consecuentemente, o conxunto da miniserie explora o que pode dar de si no contexto actual o superheroe se o liberamos do pesimismo existencial, da ambigüidade moral e da interpretación peor intencionada das súas inclinacións.

No aspecto gráfico, o debuxo de Yannick Paquette mimetiza o doutros artistas consagrados (Hughes e Dodson, Knowlan, tamén Alan Davis) coa mesma claridade que no volume anterior, ao que se engade a máis que evidente utilización de referencias fotográficas (da actriz Jennifer Connelly, para ser exactos) na definición visual do personaxe de Pantha. É unha magoa que un debuxante con talento e capacidade narrativa renuncie a liberar o seu estilo e teime en presentarse baixo a impersoal faciana das súas influenzas.

Entradas relacionadas – Terra Obscura
Terra Obscura 1

Entradas relacionadas – Alan Moore

Ningún comentario: