martes, marzo 02, 2010

Leccións de vida



Leccións de vida (La Cúpula, 2007) relata as experiencias do pequeno Jean-Pierre durante o tempo en que viviu nunha aldea próxima a París. Grégory Mardon recrea aquelas vivencias do cativo que supoñen un achegamento ao mundo adulto: os primeiros contactos coa violencia, o namoramento infantil, a intuición das normas sociais menos explícitas, o medo, a previsible descuberta do sexo, a complexidade das relacións persoais entre adultos… O autor apúntase á corrente que asume que todo relato protagonizado por nenos é, inevitablemente, a historia dunha aprendizaxe. Pode criticarse o obvio do plantexamento (a infancia de Jean-Pierre definida polo paréntese en que viviu no campo) ou dalgunhas metáforas (por exemplo, o paralelismo entre o comportamento dos maiores e as conductas animais que o rapaz descubre nos documentais televisivos), pero non se pode negar a honestidade dun Mardon que xa no título deixa claro cales son os seus propósitos.

Ningún comentario: