luns, marzo 01, 2010

DMZ: Sobre o terreo



Sobre o terreo (Planeta, 2007), primeiro volume de DMZ, a cabeceira creada por e Brian Wood e Riccardo Burchielli para o selo Vertigo de DC, pode considerarse un perfecto exemplo de ficción post-11S. Nela, a acción directa dunha cidadanía abafada pola inseguridade e a desconfianza cara o poder remata cos Estados Unidos inmersos nunha segunda Guerra Civil. Non por casualidade o escenario escollido para representar esta distopía é precisamente a cidade de Nova York, o lugar onde se rubricou terriblemente un proceso que levaba anos agromando e que sería replicado posteriormente en diversos lugares do mundo. A inserción do xornalista Matty Roth no sector do territorio controlado polos Estados Libres opostos aos EEUU tradicionais é o xeito escollido por Wood para expoñer non só as bases da confrontación senón tamén a súa alternativa.

Malia o atractivo da premisa, nin o desenvolvemento de Wood nin o traballo de Burchielli resultan plenamente satisfactorios, cando menos no que atinxe aos capítulos que contén este primeiro volume. O escritor marca un ritmo estraño, sincopado, que impide unha correcta fixación do escenario e os seus actores. Unha posta en situación urxente, case precipitada, desemboca nun baleiro de meses desconcertante, difícil de xustificar polo que implica para uns personaxes aínda en fase xestación. Ademáis, os Estados Libres, a alternativa ao poder establecido, amósansenos coma unha caste de utopía anarquista, poboada por punks que cultivan tofu e protexen a natureza, nun exceso de inxenuidade que non termina de casar co ton de distopía urbana que o propio Wood establece. Burchielli, poa súa banda, acerta na escenografía mais demostra non ser un narrador excesivamente dotado, abundando os planos e escenas confusos. Aínda así, este arranque non estraga todas as posibilidades da cabeceira e moitas delas poderán aproveitarse cun mellor desenvolvemento posterior.

Ningún comentario: