luns, novembro 16, 2009

Ocean



Planetary e The Authority, obras das que deriva grande parte da popularidade do escritor Warren Ellis, compartían algúns elementos dentro da súa disparidade: ambas participaban da idea de abrir novos camiños para o imaxinario superheroico, mediante un diálogo coas tradicións doutros medios e xéneros no primeiro caso, ou mediante unha hiperbolización que incorporaba elementos do cinema de catástrofes ou da ficción científica no segundo.

Esa ollada aperturista e superadora dos límites de xénero que marcou unha liña despois seguida por moitos é precisamente o que se bota en falta en Ocean (Norma, 2006), miniserie desenvolvida en colaboración co debuxante Chris Sprouse e eivada só pola súa falta de ambición. O achado extraordinario como premisa ou a chegada do novo sheriff á vila (desta volta “o sheriff” é un alto cargo de Nacións Unidas e “a vila” é Europa, a lúa xeada de Xúpiter) expresan a vontade de Ellis de recuperar formas narrativas clásicas. Mais desta volta non hai cuestionamento nin cambio de perspectiva. Pola contra, a trama sustánciase coa lóxica que un agardaría dun estudio de Hollywood antes que da traxectoria do seu autor. A medida que o relato avanza o predominio dunhas escenas de acción típicamente cinematográficas apenas deixa espazo para o ton melancólico ou as escasas pingas de ironía (unha macrocorporación tecnolóxica que patentou un sistema operativo chamado “Doors”?) que ata ese intre salferiran a narración. Estraña e ata certo punto decepciona que Ellis opte decididamente por manter o relato dentro dos límites que se lle supoñen, por máis que esta sexa prácticamente a única crítica que se lle pode facer a este traballo.

Entradas relacionadas – Warren Ellis
Desolation Jones: Made in England
The Authority Vol.1

Entradas relacionadas – Chris Sprouse
Tom Strong 1
Tom Strong 2

Ningún comentario: