xoves, decembro 11, 2008

Promethea 5



Diríase que a serie de Promethea se sostén nun pacto tácito polo cal o lector accede a se adentrar na mesta cosmovisión máxica de Alan Moore mentres este se compromete a resultar lexible. O británico vencella a maxia coa imaxinación, a creatividade e a necesidade de ficcións do ser humano e por esa vía crea un produto híbrido, que alterna capítulos de pura elucubración esotérica con tramas máis convencionais. Se isto xa determina unha maior accesibilidade desta obra fronte a O amnios natal ou Serpes e escaleiras, igualmente esotéricas pero moito máis crípticas, o aspecto gráfico incide na mesma liña. Fronte esoutras obras, ilustradas polo marabilloso pero ríspeto Eddie Campbell, Promethea conta cos lápices dun espectacular e vistoso J.H. Williams III, perfectamente complementado por Mick Gray nas tintas e Jeremy Cox nas cores, ao que se debe engadir a exhaustiva planificación do aspecto visual por parte de Moore. De feito, cada capítulo de Promethea pode interpretarse coma unha reivindicación do comic-book non coma fin en si, senón como compoñente dun tapiz máis complexo pero, iso si e contrariamente á tendencia maioritaria hoxe, dotado de pleno significado formal e material.

Se unha cosmogonía sen Apocalipse é coma un xardín sen flores, podemos dicir que neste quinto tomo (Norma, 2008) a cabeceira atopa un punto e final de indiscutible coherencia. Moore amosa de novo as costuras da narración, situando ao lector no lugar onde se contan contos, na lareira, e esvaíndo as diferencias entre este e os personaxes. Todo é relato, todos somos relato. Promethea está ateigada de verdades universais como esta, tan profundas e inmutables que ninguén pode tomalas en serio. Iso si, a quen lle guste cismar por deporte atopará nas páxinas da serie un feixe de aforismos ben tentadores.

No derradeiro capítulo, inédito no noso país ata agora, Moore e Williams levan a experimentación formal ata unha nova fronteira, a que obriga ao lector a repensar o que os autores pensaron antes e o invita a ollar as cousas cunha perspectiva diferente. Mesmo a dimensión física do tebeo se pon en cuestión, ante a necesidade de operar materialmente con el para poder contemplar completamente a obra dos creadores. A solución de Norma, que edita en tomo e non en grapa, facilítalle a tarefa a lectores coma min, demasiado pudorosos na manipulación do papel para atreverse a desmontar e remontar un cómic.

Final de traxecto para Promethea. Póñanselle as pegas que se queira: estamos ante unha pequena xoia, un pracer para os sentidos, unha celebración da imaxinación do ser humano.

Entrada relacionadas – Promethea
Promethea 1
Promethea 2
Promethea 3
Promethea 4

Entradas relacionadas – Alan Moore
Watchmen
Lost girls
Top 10
Top 10: The Forty Niners
A cousa do pantano
O día do xuízo

Ningún comentario: