martes, setembro 02, 2008

The Authority Vol.4



O cuarto volume da serie The Authority (Norma, 2008) comeza como rematou o terceiro: sen unha idea clara acerca de cara onde dirixir a cabeceira. Robbie Morrison comeza coa rutinaria destrución de cidades enteiras (recurso esgotado por abuso), continúa cun ridículo enfrontamento entre meniñas (¿Jenny Quantum versus JennyFractal? ¿Vai en serio?) e remata cun fallido intento de profundizar no pasado persoal de Jack Hawksmoor.

A chegada de Ed Brubaker demostra que un escritor de talento pode crear boas historias mesmo nas peores circunstancias. No canto de enfrontar ó supergrupo á enésima ameaza global do espacio exterior, a proposta de Brubaker supón unha volta ás orixes, unha reflexión sobre o pasado dos personaxes e un evidente cuestionamento da súa evolución. A acertada recuperación de Henry Bendix, creador do supergrupo, é o pretexto do guionista para facer balance da súa traxectoria. E a conclusión deixa poucas dúbidas.

Brubaker recupera o pulso narrativo e trata ós personaxes con respecto, alonxándoos da caricatura lacónica na que foran trocando co tempo. Jenny Quantum deixa de ser un estorbo para se converter nun personaxe interesante, partícipe en boa parte do carisma da súa predecesora. O antagonista actúa dacordo cunhas motivacións que, por primeira vez en moito tempo, se xustifican debidamente. A súa ameaza, fronte as inmediatamente anteriores, parece real. A trama constitúe, en definitiva, un relato de acción e intriga perfectamente construido, con tempo aínda para as consabidas chiscadelas referenciais (homenaxes ós Freedom Fighters e a Iron Man), no que son os mellores episodios da serie dende a etapa de Warren Ellis.

Porén, o éxito de Brubaker non deixa de supoñer o fracaso da cabeceira. O discurso do escritor fai pasar a continuidade da serie polo desmantelamento dos seus sinais de identidade, no que supón a constatación dunha realidade que cómpre ir admitindo xa: unha cabeceira que se basea no cuestionamento do xénero superheroico non pode funcionar se se lle aplican as estructuras deste. The Authority arrancou con forza e supuxo unha interesante revisión da mitoloxía dos superheroes, pero a súa prolongación no tempo rematou axiña nunha calella sen saída. A idea do supergrupo proactivo que trascende as convencións superheroicas só funciona por contraste co modelo do que se pretende alonxar e, por tanto, esgótase en si mesma. Unha vez que se constata que ese camiño non leva a ningures só cabe recuar.

No epílogo da historia, a Enxeñeira afirma: “Algunhas caras son distintas pero en esencia estamos onde empezamos”. E así é.

Entradas relacionadas
The Authority Vol.1
The Authority Vol.2
The Authority Vol.3

Ningún comentario: