mércores, xullo 30, 2008

Top 10: The Forty Niners



Moitas páxinas ten adicado Alan Moore a analizar o mito superheroico. Dende traballos enganosamente convencionais, como Miracleman ou os seus números para Superman, á que sería a súa grande tese, Watchmen, e de aí ó xogo referencial e posmoderno de Supreme ou a exploración dos terreos limítrofes do xénero cos cómics da liña ABC. Dentro destes, a cabeceira orixinal de Top 10 presentábase como un divertimento no que o factor superheroico ficaba anulado por saturación. Aproveitando a forza devaluadora da ironía, Moore construía un relato policial aparentemente sinxelo e desenfadado, no que a vulgarización dos seres superpoderosos daba lugar ó humor, ó tempo que permitía unha nova forma de identificación con eles.

Pero non se detén aí a deconstrucción superheroica do de Northampton. Se Watchmen era unha obra ríspeta e crepuscular, presidida por un enfoque desencantado e violento, vinte anos máis tarde, a evolución do cómic superheroico e a propria traxectoria de Moore permiten (mesmo reclaman) a recuperación da tenrura e a inxenuidade. Top 10: The Forty Niners (Norma, 2007), precuela de Top 10, recupera para o xénero unha inocencia que parecía perdida e a cuxa liquidación Moore contribuiu de xeito indiscutible. A cuestión é que o arrebatarlle a inocencia ós superheroes nunca fora, en contra do que sosteñen certas interpretacións da obra, o propósito esencial de Watchmen, senón unha consecuencia inevitable da súa forza analítica. E así, o de Northampton non ten inconveniente en construir agora unha obra repleta de idealismo e candor, pero singularmente moderna e na que o humor da súa obra antecesora/sucesora deixa paso a un tono melancólico. Polo camiño preséntanse uns personaxes cativadores que ben poderían ser desenvolvidos delongadamente en historias sucesivas.

Por outra banda, a rockwellización de Gene Ha demostra a versatilidade do debuxante, reivindicándose de novo como o mellor compañeiro de Moore para esta viaxe. O ollo atento descubrirá acochadas nas súas viñetas numerosas referencias a clásicos do cómic, especialmente do cómic norteamericano. Pero alén do mero xogo referencial, o seu traballo na creación de espazos retrofuturistas e na definición visual dos personaxes merece as maiores gabanzas.

Dentro da producción recente e supostamente “menor” de Alan Moore, poucas obras resultan tan ricas e reivindicables como o conxunto de historias relacionadas coa comisaría de Top 10.

Entradas relacionadas – Top 10
Top 10
Entradas relacionadas – Alan Moore
O día do xuízo
A Cousa do Pantano
Promethea 1
Promethea 2
Promethea 3
Promethea 4

Ningún comentario: