martes, marzo 11, 2008

Superman: As catro estacións



Non sendo a súa primeira colaboración, Superman: As catro estacións (Norma, 2001) é unha obra que condicionaría indiscutiblemente a traxectoria do tándem artístico que compoñen Jeph Loeb e Tim Sale. E iso porque o éxito desta historia revisionista e nostálxica protagonizada por un Clark Kent que se abre á idade adulta levaría a ambos autores a acometeren proxectos semellantes protagonizados por superheroes igualmente icónicos: Daredevil: Marelo. Spiderman: Azul, Hulk: Gris

Estamos perante un cómic vocacionalmente sinxelo e amable, se cadra unha boa introducción ó universo de Superman e, por extensión, ó imaxinario superheroico. Sale deseña unha Smallville que semella imaxinada por Norman Rockwell (a quen homenaxea en máis de unha viñeta) e unha Metrópolis que, baixo un halo de luz e cor, combina arquitectura modernista e construccións futuristas. Neses territorios, Loeb desenvolve unha historia que reconstrúe o mito de Superman como un xigante bondadoso cuxa dedicación ós demáis parte das súas raíces máis fondas, a educación que lle deron uns granxeiros de Kansas, os seus pais adoptivos. A ollada ó seu entorno limítase ó núcleo básico da mitoloxía do personaxe, os Kent, Lana Lang, Lois Lane e Lex Luthor, sen que haxa nada salientable (a favor ou en contra) na súa caracterización. Polo demáis, o carácter meramente funcional dos MacGuffins que permiten avanzar a miniserie (un tornado, unha epidemia provocada por Luthor e unha inundación) impiden disfrutalos a otros niveis que non sexan o de darlle pé a Superman para que adopte as decisións que todos agardamos de el.

Trátase, xa que logo, da enésima revisitación do mito de Superman, sen máis orixinalidade nin mérito que o de prefigurar algúns dos extremos que posteriormente desenvolvería un dos máis recentes productos de éxito protagonizado polo Home de Aceiro, a teleserie Smallville.

Entradas relacionadas – Loeb e Sale
Catwoman: Se vas a Roma

Ningún comentario: