luns, maio 21, 2007

Gotham Central: Robin morto



Partindo da perxuizo que supón a saída da serie de Gotham Central do que fora o seu creador gráfico e soberbio debuxante habitual da mesma durante case unha trintena de números, Michael Lark, a contratación de Kano como o seu sustituto supón un acerto pouco discutible. O español non é só un artista de personalidade e talento ben acreditados na propia industria norteamericana, senón que o seu estilo pode supoñer unha continuidade natural e harmónica co do seu predecesor nesta serie. A cooperación de Stefano Gaudiano nas tintas facilita a sensación de continuismo tanto como o labor coas cores de Lee Loughridge, ó meu entender un dos mellores profesionais nesta faceta do momento e cuia contribución á definición plástica desta serie resulta incontestable e digna de mención.

A presente entrega, que recolle os números 33 a 36 da serie orixinal baixo o título Robin morto, explota felizmente un dos rasgos que deran sentido ó título no seu nacemento e que máis recentemente fora interpretada dun xeito cada vez menos lóxico e máis comercial: a peculiar relación entre os policías da central de Gotham e os heroes disfrazados. Policías e superheroes ocúpanse, teóricamente cando menos, dos mesmos asuntos e dende un mesmo bando, sen que esa coincidencia, analizada dende un punto de vista aproximadamente realista, esté exenta de rivalidades e contradiccións. É este carácter ambiguo e paradóxico da relación o que Greg Rucka e Ed Brubaker exploran con acerto na presente historia, ainda que a resolución da mesma resulte un tanto forzada e pouco verosímil (as motivacións do autor dos crimes perseguidos resultan bastante pouco convincentes). Agradécese, xa que logo, que a aparición de Batman e as demáis figuras superheroicas atopen unha xustificación alén da súa mera exhibición publicitaria.

O volume complétase cunha entrevista a Kano levada a cabo por Koldo Azpitarte. Agradécense este tipo de contidos complementarios cando, como neste caso, teñen entidade e interese. Nela, por certo, o debuxante recoñece a dificultade que lle supuxo debuxar a un personaxe tan popular e do que existen tantas versións excelentes como Batman. Destaco este aspecto porque penso que precisamente a versión do propio Kano, que o representa como pouco máis que unha sombra ou unha mancha inverosímil no universo realista en que se desenvolve, me parece especialmente acertada.


Entradas relacionadas:
Gotham Central: O Alquimista
Gotham Central: Corrigan
Gotham Central: Caso sen resolver
Gotham Central: A vida está chea de decepcións

Ningún comentario: