martes, abril 10, 2007

Klezmer: A conquista do Leste



Klezmer: A conquista do Leste pretende ser, en verbas do seu autor, un cómic musical, algo de seu complicado dado o carácter mudo da banda deseñada. Sen embargo, o inmenso talento narrativo de Joann Sfar e a súa indiscutible capacidade evocadora fan que o resultado se aproxime asombrosamente ás súas pretensións. O folclore musical xudeu ofrece, na aproximación supericial dun lego coma min, uns rasgos que ben poden atoparse na obra que nos ocupa: vitalidade, ritmo, nervo, sentimento... características que, sendo xa frecuentes na obra de Sfar, están claramente presentes en Klezmer.

Sfar aborda, co seu xeito torrencial de narrar, unha historia en contrapunto protagonizada por un grupo de músicos xudeus, arrastrando ó lector ata un final que non é tal, senón o punto de partida dunha continuación ainda por vir. Polo camiño, unha viaxe pola Europa do Leste, preséntanse uns personaxes vigorosos ó tempo que se sentan as bases das súas futuras interrelacións. Ó igual que na serie de O gato do rabino, hai neste primeiro volume de Klezmer unha constante posta en cuestión da cultura xudía tradicional, neste caso a través duns personaxes de conducta contradictoria ou abertamente herética (e, como o propio Sfar sinala no epílogo, se privamos a un xudeu da súa relixión, ¿que lle queda de xudeu?). Esta visión crítica non chega a impoñerse ó lector, de feito nen sequera resulta ser o discurso dominante, senón un punto de apoio que transmite unha certa carga de profundidade á trama.

Por outra banda, o estilo gráfico de Sfar alcanza unha síntese expresionista máxima dentro da súa obra. As formas, inacabadas e difusas en grao máximo, vense completadas por un intelixente uso das cores, no que constitúe un exemplo paradigmático de como ó lector lle corresponde unha participación activa no proceso de lectura, completando o labor do debuxante cando éste sabe dirixir a súa ollada. A este respecto, resulta imprescindible unha planificación narrativa tan eficaz como á que este autor nos ten afeitos.

Probablemente, Sfar podería darlle ás súas historias un acabado gráfico máis asequible; de igual xeito, podería coidar algo máis as súas historias, a costa de ser menos prolífico. Pero semella que un e outro rasgo, a súa incontinencia creativa e o seu grafismo directo e descoidado, veñen a conformar unha personalidade artística tan sumamente orixinal como fértil. Dito doutro xeito, son eses os rasgos que caracterizan a Sfar, os seus poderes, non as súas eivas.

Non quixera deixar de salientar a edición de Norma. Deixando aparte a consabida cuestión do prezo, o coidado con que este volume foi elaborado (prólogo e notas finais, traballos preparatorios, traducción, acabado…) é digno de eloxio.

Entradas relacionadas

O gato do rabino: a bar-mitzva
Profesor Bell: o mexicano de dúas cabezas

Ningún comentario: