martes, marzo 27, 2007

Sleeper: á súa sorte



É probable que Ed Brubaker sexa o guionista de moda nos USA, pero iso non ten por que poñer en cuestión a súa calidade como escritor. Pola contra, os seus traballos postúlano coma un autor sobrio e moi regular, capaz de crear historias envolventes e de lle conferir ós seus personaxes profundidade e encanto abondo para dotaren de interese a unha narración. Pode dicirse que non é un escritor excesivamente orixinal e que non adoita alonxarse do terreo no que se sinte cómodo. Ainda así, as súas historias rara vez decepcionan.

Sleeper é a historia dun axente infiltrado nunha organización criminal, é dicir, trátase básicamente dun relato de espionaxe, ainda que inserido na continuidade do Universo Wildstorm e, polo tanto, con seres superpoderosos en danza. A ollada de Brubaker é máis áceda e irónica do habitual, ata case desembocar na parodia do xénero superheroico. Polo demáis, o tono escuro e violento da narración non chega a dexenerar en excesos testosterónicos, o que sempre resulta de agradecer.

Sean Phillips, ó que tiña bastante perdido dende hai anos, cumple á perfección no apartado gráfico. O seu sutil uso do claroscuro combina perfectamente co labor de Tony Aviña, encargado da cor, dando lugar a un acabado especialmente axeitado ó tono da narración.

En definitiva, unha obra sólida e de lectura agradable, capaz de suscitar interese respecto á súa continuación e que ven a demostrar que a media de calidade do traballo de Brubaker é moi alta.

Ningún comentario: