luns, decembro 04, 2006

Queen & Country: operación dente de león



Greg Rucka é un escritor de longa traxectoria no mercado norteamericano, especialmente dentro do xénero superheroico. Malia a aceptable calidade media do seu traballo en todos estes anos, non hai dúbida de que o seu rendemento mellora notablemente cando trascende os clichés do cómic de superheroes e introduce elementos doutra categoría na que semella desenvolverse con especial comodidade: o xénero negro e de espionaxe. Boa mostra do anterior son tanto o labor de Rucka canda a Ed Brubaker en Gotham Central coma a súa creación persoal máis popular, a serie Queen & Country.

Norma vén de publicar o volume que leva por título Operación: dente de león, que recolle os números 21 a 24 da edición americana e no que Rucka conta no apartado gráfico co debuxante Mike Hawthorne. É de agradecer o xiro que experimenta o argumento neste arco, prescindíndose das operacións no estranxeiro que ata o momento presidiran a acción e sustuíndoas por unha trama en clave interna, centrada nas loitas polo poder dentro do servizo británico de intelixencia. Nese senso, a acción no sentido máis popular do termo deixa paso á negociación entre as instancias implicadas e a unha sutil investigación como moeda de troco. O resultado pode considerarse satisfactorio non só dentro da coherencia do volume e da serie, senón tamén como ponto de partida para futuras tramas.

No que atinxe ó labor de Hawthorne, estamos unha vez máis (é a tónica xeral da serie, con moi poucas excepcións) ante un artista limitado, con problemas de perspectiva e mesmo nas proporcións, por máis que, de ter que destacar algunha virtude, sexa quen de utilizar con intelixencia o branco e negro. Unha mágoa, a serie melloraría moito se o aspecto gráfico estivese á mesma altura que o argumental.

Ningún comentario: