luns, abril 24, 2006

O día do xuízo



O auxe e caída de Rob Liefeld tivo lugar precisamente nos poucos anos en que este servidor estivo ausente do mundo do cómic. Foi tanto e tan esaxeradamente negativo o que lin sobre este personaxe tras a miña reentrè que decidín adquirir algúns daqueles comics seus dos que ninguén falaba ben pero que alguen debeu mercar no seu día. Para a miña sorpresa, eran ainda peores do que imaxinaba.

É difícil valorar a obra de Liefeld coma se dun profesional do medio se tratase, xa que o máis benévolo que se pode dicir dos seus comics é que parecen fan-fictions, traballos dun afeccionado entusiasta pero inexperto, con eivas flagrantes no aspecto gráfico e unha inxenuidade monumental (disfrazada do contrario) no argumental. Non podo negar, sen embargo, que a súa figura e os seus traballos espertan en min certa simpatía, semellante á que sinten algúns cara as novelas de vaqueiros ou á serie B cinematográfica. E é que, a fin de contas, son un namorado dos fanzines.
Por se fora pouco, hai un factor adicional e nada irrelevante que xustifica a miña lectura de Judgment Day, como o feito de ser nada menos que Alan Moore quen o escribe, por máis que esté comúnmente asumido que se trata dunha obra moi menor na súa producción. O seu labor nesta miniserie encamíñase a poñer en orde o caótico universo que a duras penas puxo en pé Rob Liefeld e, neste senso, hai que dicir que se ben o resultado é bastante irrelevante en todos os aspectos (como lectura de seu e como intento vertebrador), pódense atopar algúns elementos interesantes. Non deixa de ser moi propio da flema británica do escritor o feito de que o que finalmente se revela como autor do crime que se xulga na miniserie cargue tamén coas culpas do tono sombrío, pueril, casposo e parvo do chamado universo Image, así como que a súa detención e castigo conleve o nacemento dunha nova era para este universo, supostamente máis homologable co imaxinario superheroico tradicional. O tempo remataría por tirar por terra os bos propósitos do de Northampton, pero iso é outra historia. No que atinxe a ésta, o famoso Día do xuízo, pouca cousa: para completistas e curiosos.

Ningún comentario: