mércores, abril 19, 2006

O caso do veo



Esta nova aventura do detective Jack Palmer, creado polo francés René Pétillon, tivo certa repercusión dentro e fóra do mundo da BD esencialmente por dous motivos: por ser o tomo seguinte ó exitoso L’enqueté corse, no que se trataba o problema corso; e por referirse a un tema tan polémico e de actualidade como a crecente presenza do Islam nas sociedades europeas.

Tendo sido tan loubada, un agardaba desta obra un posicionamento claro, sólido e intelixente respecto da problemática que plantexa. O ter atopado algo totalmente distinto, pero igualmente loubable, ven a demostrar que as ideas preconcebidas nunca son boas. E é que O caso do veo é un traballo máis descriptivo que prescriptivo. Aparecen nel, retratados con agudeza indiscutible, os diferentes elementos que compoñen un problema tan complexo como a dixestión europea da cultura islámica: as distintas tendencias (aperturistas e integristas) existentes dentro do Islam, os prexuizos dos europeos fronte ós musulmáns, os prexuizos dos musulmáns fronte ós europeos, as mutuas visións estereotipadas, o mutuo descoñecemento, o victimismo, etc. A distancia irónica no tratamento resulta balsámica, compoñendo unha historia tan sutilmente humorística como respetuosa coa seriedade da cuestión.

Gráficamente, o traballo de Pétillon resulta pouco discutible. A súa dilatada experiencia tradúcese nunhas planchas de aparente sinxeleza, cunha narrativa impecable e unha expresividade incontestable. A vistosa coloración encaixa perfectamente co enfoque da serie.

De ter que poñer alguna obxección, diría que a personalidade do personaxe principal, o detective Palmer, aparece desdebuxada, se cadra porque a súa caracterización deriva da longa traxectoria que ten tras de si. En calquera caso, trátase dunha obra altamente recomendable e dun autor cuio bo facer nos últimos tempos cómpre salientar.
O prezo de Norma, abusivo, coma sempre.

Ningún comentario: