xoves, abril 06, 2006

A Idade de Ouro



A Idade de Ouro de James Robinson e Paul Smith céntrase, ó igual que DC: a Nova Fronteira de Darwin Cooke, no tránsito da Idade de Ouro á Idade de Prata superheroica. Agora ben , se a obra de Cooke poñía o énfase no xurdimento dos personaxes que darían lugar á nova xeira, Robinson e Smith ocúpanse dos heroes que se fan a un lado e deixan o seu sitio á nova xeración, os membros da Sociedade da Xustiza primixenia e do chamado All-Star Squadron.

Orixinalmente publicada entre 1993 e 1994 en catro números en formato prestixio, a miniserie A Idade de Ouro ven de ser reeditada nun único volume por Planeta baixo a equívoca cabeceira da JSA. Concebida nun intre no que as implicacións de obras como Watchmen ou Batman: The Dark Knight Returns comezaban a estar xa dixeridas, esta obra supón unha saída á nova situación de carácter claramente alternativo ó que foi a reacción popularmente maioritaria, ou sexa, o cómic noventeiro de arsenais andantes, musculacións iverosímiles e encías protuberantes. Isto é, no canto de poñer como pretexto a posta en evidencia das feblezas do xénero superheroico para destapar as maís rancias esencias ideolóxicas, Robinson e Smith botan a ollada atrás e recuperan a uns personaxes inocentes e coloristas, amosando a súa inadaptación a un contexto que xa evolucionou.

Probablemente, o maior acerto desta obra sexa a supeditación da súa análise de fondo a unha historia complexa e ben desenvolvida, por máis que no inciso final se acusen certos excesos. A descripción dunha Norteamérica inmersa no maccarthismo e seducida por tendencias totalitarias resultaría difícilmente imaxinable se o autor fose estadounidense (Robinson é británico, anque reside dende hai tempo nos USA), por máis que a redención final veña a diluir e facer maís fácilmente dixerible a dura mensaxe anterior.

Mención aparte merece o labor de Paul Smith cos lápices. A traxectoria deste autor, ainda que cuantitativamente escasa (ou se cadra por iso), avala a súa calidade. Nesta obra o seu estilo vese claramente condicionado pola trama, renunciando o debuxante a moitos dos seus rasgos característicos para poder axustarse ás convencións gráficas da época que pretende retratar. O resultado é plenamente satisfactorio, deixando patente a homenaxe a un conxunto de artistas que mantiveron unha industria nunha época na que o protagonismo do autor deste tipo de productos era notablemente inferior ó actual.

Ningún comentario: