martes, febreiro 07, 2006

El Padre Las Casas y Vitoria

Image hosting by Photobucket
Lin este ensaio de Ramón Menéndez Pidal por primeira vez haberá uns oito ou nove anos, documentándome para un absurdo traballo de terceiro ciclo. Foron moitos os aspectos que daquela me chamaron a atención pero, ante a escaseza de tempo, non puiden adicarlle unha lectura moi detida. Hoxe, case unha década máis tarde, releo a obra e confirmo, non sen certo abraio, as miñas sospeitas de entón.

Confróntanse neste texto as ópticas diverxentes que sobre o “descobrimento” e evanxelización do continente americano tiveron Bartolomé de las Casas e Francisco de Vitoria. Se o primeiro é ben coñecido de todos como o apóstolo dos indíxenas, o segundo circunscribe a súa notoriedade ó campo xurídico, sendo unha das figuras senlleiras da denominada Escola Clásica Española. A tese de Menéndez Pidal é que, malia que a popularidade de Las Casas é notablemente superior á de Vitoria, a posición de éste é máis ponderada e conta con mellores alicerces xurídicos.

O problema son os argumentos a que recurre Menéndez Pidal para fornecer a súa tese. Por unha banda, alude unha e outra vez a que as posicións de Vitoria, que xustifica mediante títulos diversos a guerra cos indíxenas por parte dos conquistadores, xurden dunha mellor comprensión da “complexidade” da situación. Mentres, os posicionamentos de Las Casas preséntanse como radicais, apaixoados e simplistas, e suxírese en diversas ocasións que foron os “inimigos de España” os que contribuiron a darlle sona: “Las Casas, sin esta función de su libro, verdadero despertador e incitador de odios antihispanos, no hubiera sido más que uno de tantos historiadores de Indias. Nació a la luz de la fama matando la fama de su patria, como el viborezno que al nacer desgarra las entrañas de la madre. El mayor enemigo de España no podía haber soñado un libro más a su propio gusto”.

Ese é o problema deste ensaio, que o autor parte dunha posición ideolóxica da que deriva o conxunto da súa argumentación nesta confrontación concreta. Os “inimigos de España” utilizaron a obra de Bartolomé de las Casas como munición, e por iso a súa obra merece ser desacreditada, con independencia das razóns que lle asistiran entón, ou mesmo das que lle asistan dende unha óptica contemporánea. Porque se por algo destaca a posición histórica de Las Casas é pola súa extraordinaria modernidade. Fronte a un Vitoria que xustifica a guerra cos indios por motivos comerciais, para favorecer a predicación (e mesmo para impedir que outros prediquen en sentido contrario) ou por considerar o goberno dos bárbaros pecaminoso ou tiránico, Las Casas proclama que os invasores teñen só dereito a intentar predicar o Evanxeo, sen que en calquera caso se poda iniciar guerra cos indíxenas susceptible de ser considerada como xusta. Sendo comprensible a postura de Vitoria no seu contexto (falamos do século XVI), resulta obviamente máis avanzado o razoamento de Las Casas. De aí que un non deixe de abraiarse cando Menéndez Pidal afirma que “(...) por él [Vitoria], las ideas jurídicas de Las Casas, en buena parte medievales, fueron sustituidas por ideas totalmente modernas, perdurables”. A negriña e a incredulidade son miñas.

Como se intúe polo anterior, Menéndez Pidal non se adhire ó razoamento histórico de Vitoria, senón que o asume como válido e beneficioso dende unha perspectiva actual. “Si los caciques, los Motezumas, los Atahualpas hubiesen sido conservados inconmovibles a perpetuidad en sus descendientes, según quería Las Casas, y si los ingleses hubiesen seguido las mismas normas jurídicas, América sería hoy un continente de pueblos con numerosas lenguas y religiones paganas, como lo es Asia (...)”. Xa que logo, ás bondades da colonización cómpre engadir o derribo desa Torre de Babel pagana e a imposición da propia cultura e relixión, cuia xustiza certificou entón Francisco de Vitoria e hoxe Menéndez Pidal.

Descoñecedor como son da maior parte da súa obra, négome a xulgar a Menéndez Pidal polo exiguo contido deste ensaio. Sen embargo, coido que o texto é sobradamente explicativo de como autores de prestixio deixan de lado calquera rigor para xustificar as teses que benefician ós seus posicionamentos ideolóxicos.

Ningún comentario: